Un programa medioambiental para “Sentir Pontevedra”

48

A Concellaría de Medio Ambiente presentou esta mañá o programa Sinte Pontevedra, o conxunto de actividades deste departamento para o que resta de ano. Cursos de fotografía, andainas, visitas a Lourizán, horta urbana, natureza sobre rodas… son algunhas das propostas de Medio Ambiente que pretende, entre outros obxectivos, facer que a cidadanía goce dos espazos verdes e parques do municipio e da cidade, e ao tempo tomen conciencia para o seu coidado e posta en valor. Entre as actividades están:

• Andainas 2012: Programa de rutas guiadas pola natureza que se desenvolven ao longo de tres meses por distintos lugares do contorno e nos concellos limítrofes de Pontevedra. As andainas teñen como punto de inicio a capela de San Roque e visitan: Punta Carreirón, Litoral de Castrelo, Cabo Udra, Ruta da Liberdade, parroquia de Salcedo, litoral do Grove, Monte Castrove, Ruta de Ponte do Ramo, rutas das pontes do Lérez e Memoria do Lobo.
• Visitas a Lourizán: Visitas guiadas ao Xardín Botánico do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Realizadas por persoal especializado ao longo do percorrido poderá visitarse o arboredo de Lourizán creado en 1949 como un centro de investigación pero tamén cun carácter didáctico e recreativo. Nas 36 hectáreas que ocupa o Xardín Botánico poderán verse algunhas das árbores mási sobresaíntes da finca como buxos de máis de 200 anos, araucarias, sequoias, cedros… Serán o 20 de maio, 2 de xuño, 10 de xuño, 28 de outubro, 4 de novembro. Son 50 prazas por visita previa inscrición.
• Curso de fotografía de natureza: A fotografía é unha disciplina en auxe entre os amantes da natureza. Cos modernos equipos dixitais as posibilidades que temos ao noso alcance creceron enormemente pero na mioría dos casos non se dominan as técnicas que nos permitirían sacar o máximo rendemento destas ferramentas. O obxectivo deste curso é acadar coñecementos básicos do equipo e da técnica fotográfica, adaptados á fotografía naturalista, baixo un enfoque teórico-práctico. O curso consta de 15 horas. Está dirixido ao público adulto, hai que levar cámara. A inscrición é de 10 euros por persoa.
• Natureza sobre rodas: trátase dun programa de visitas guiadas en bicicleta aos espazos naturais do concello de Pontevedra. Son rutas sinxelas aptas para todas as idades e tipos de bicicleta. Serán os días 29 de abril, 6 e 13 de maio, de 11.00 a 14.00 horas. Rutas: ruta fluvial  polo río Lérez, ruta litoral pola Xunqueira de Alba, ruta agroforestal por Salcedo. O punto de encontro é a praza de España nos dous primeiros casos e en Campolongo no terceiro. Será precisa a inscrición previa e hai 60 prazas por ruta.
• O ceo da estación: Dúas charlas/observación relativas ao ceo de inverno e outras dúas ao ceo de verán. Desenvolveranse no Observatorio de Cotobade e completaranse coa observación a través do telescopio do Observatorio. Será o 17 e 24 de agosto e 10 e 17 de novembro. Inscrición previa con 45 prazas por saída.
• Obradoiros de astronomía: constra de tres obradoiros: construción e uso de instrumentos astronómicos sinxelos, fabricaranse instrumentos como os utilizados polos astrónomos da antigüedade. Construción e uso de reloxos de sol, explicarase o fundamento uso e tipos destes, tamén se realizarán varios modelos. E instalación e uso de telescopios: pensado para que as persoas que teñan un telescopio ou uns prismáticos lles poidan sacar partido. Inscrición previa. Desenvolverase a finais de outono.
• Natureza nos camiños: este ano porase en marcha a quinta edición do programa Natureza nos Camiños que nesta ocasión ten como fío condutor a Xeodiversidade das rutas e camiños tocando aspectos como a xeoloxía, as formas do terreo, depósitos sedimentarios, antropoloxía… Serán sete saídas por diversos espazos naturais, para a observación de distintos aspectos relacionados coa fauna e a flora e a última visita será polo Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. 110 prazas por saída. De 10.00 a 14.00 horas. Inscrición previa, todos os domingos a partir de setembro.
• Continuarase co programa A cidade é túa: enerxía verde coa Horta Urbana de Monte Porreiro, que xa está listo no parque do Miradoiro e que comezará a plantarse en breve a cargo dos escolares do concello, especialmente os do barrio. Logo serán os maiores do barrio os que continuarán co coidado desta Horta Urbana.

As inscricións serán na oficina de medio ambiente ou no correo medionatural@pontevedra.eu ou no teléfono 986 100 185