Coloquio sobre a historia da música na parroquia de Salcedo

68

No marco da primeira Xeira do Patrimonio, a Concellaría de Patrimonio Histórico e a Asociación Músico Cultural San Martiño de Salcedo organizan un coloquio sobre o patrimonio musical da parroquia no que participarán algúns dos protagonistas das agrupacións musicais que existiron na parroquia desde mediados do século XX.

O coloquio terá lugar mañá sábado día 28 a partir das 20.30 horas na antiga Casa da Sociedade de Agricultores, actual sede da Escola e da Banda de Música de Salcedo. Estará moderado polo historiador e antropólogo Rafael Quintía, tamén veciño da parroquia de Salcedo.

Esta actividade complementa a exposición sobre a historia da música na parroquia que tivo lugar os días 21 e 22 de abril con grande interese por parte do público. A parte da exposición formada por paneis con fotografías, cartelaría e novas de prensa volverá a instalarse na Casa da Sociedade con motivo do coloquio.

Entre os protagonistas da exposición e do coloquio figuran grupos de música tradicional, orquestras, a coral ou a banda de música: O Quinteto de Salcedo, Os Romeiros de Salcedo, Orquesta Montes, A Banda do Grelo, Cromlech, A Banda de Música e a Coral da Banda de Música de Salcedo. Segundo os autores da exposición, a vitalidade que ten a música hoxendía na parroquia ten moito que ver con todos os antecedentes históricos, xa que por exemplo existe moita relación entre o coro denominado "Banda do Grelo" e as orixes da Banda de Música de Salcedo nos anos 80. A chamada Cultural de Salcedo (hoxe SCD Salcedo, promotora do clube de fútbol) tamén tivo un papel moi activo como impulsora e dinamizadora de moitas destas iniciativas musicais.

Tanto a exposición sobre a historia da música como o coloquio que terá lugar mañá sábado tratan de reforzar o papel da música na identidade e na dinamización da parroquia, tanto no momento actual como ao longo da historia.

Remata a Xeira o Patrimonio

O próximo domingo rematan as actividades da Iª Xeira do Patrimonio que tiveron lugar ao longo do mes de abril e cuxo día grande se celebrou o sábado 21. Ao longo de tres semanas desenvolvéronse conferencias sobre patrimonio arqueolóxico e sobre a represión franquista, visitas guiadas pola arte rupestre e a Misión Biolóxica, unha andaina polo patrimonio natural e cultural da parroquia, exposicións de fotos e de historia da música, actuacións musicais e un xantar de confraternidade. Tanto a Concellaría de Patrimonio Histórico como as entidades parroquiais implicadas na organización da Xeira valoran moi positivamente as actividades programadas porque permitiron dar a coñecer a veciños e visitantes o rico patrimonio material e inmaterial de Salcedo.

Segundo afirmou Luís Bará, concelleiro de Patrimonio Histórico, "están postas as bases dun amplo programa de actuacións para recuperar, difundir e dinamizar os recursos patrimoniais da parroquia, proceso no que vai ser fundamental a participación das entidades e persoas que xa están comprometidas nesta tarefa e as que se vaian sumando de agora en diante"