A Concellería de Deportes colabora no torneo de fútbol 7 benxamín “Portero 2000”

75

O complexo de herba sintética da Xunqueira acolle, mañá martes, a primeira fase da decimocuarta edición do torneo de fútbol 7 “Portero 2000”. O evento, o máis antigo e prestixioso de Galicia nesta categoría, conta co patrocinio decidido da Concellería de Deportes.
O responsable municipal de Deportes, Agustín Fernández, destaca o labor que vén facendo o club organizador “Portero 2000”, convertendo a Pontevedra nunha cita anual imprescindible do fútbol base galego e sacando adiante unha competición dun altisimo nivel, como acredita o seu palmarés, no que atopamos equipos como o Barcelona, o Atlético de Madrid ou o Benfica, último gañador.
O torneo está estruturado en dúas fases: unha primeira destinada aos equipos locais e galegos e unha segunda na que os gañadores dos distintos grupos compiten contra os clubs invitados, seleccionados entre os mellores de Europa.
A primeira fase dá comezo mañá cun total de 55 partidos. Participan 24 equipos galegos repartidos en seis grupos. Clasifícanse os seis gañadores de grupo, máis un repescado e o propio club organizador. Cada equipo xogará entre tres e catro partidos nun calendario extenuante, que arranca ás 10.00 horas e remata ás 20.45 horas.
Participan nesta primeira fase o Ponte Ourense, Colegio Hogar, E.F. Lalín, A.D. Sagrado, Marcón Atlético, E.D. Val Miñor, Louro Tameiga, Arosa S.C., A.J. Lérez, A.D. Playa de Covas, Chapela C.F., Figueirido C.F., E.F.B. Vilanova, Pabellón C.F., Santa María del Mar, Xuventude Oroso, A.X.D. Verdugo, Salgueiriños C.F., Coruxo C.F., Redondela E.F.B., Rápido Bouzas, E.D. Poio, A.C.D. A Seca e Pontevedra C.F.
A segunda fase, xa cos principais clubs de España e varios europeos, celebrarase durante as xornadas do 16 e 17 de xuño. O palmarés de gañadores está integrado polo Benfica, Porto, Barcelona, Sevilla e Atlético de Madrid. A última vitoria galega remóntase a 1999 a cargo do A.C.D. A Seca.
Agustín Fernández subliña que trátase dun torneo especialmente atractivo para os clubs, pois ademais da oportunidade de enfrontarse a unha escolma dos mellores equipos galegos, un total de oito clasifícanse para a segunda fase, de xeito que teñen oportunidade de medirse a destacados equipos de Europa. Todo elo convirte a esta cita en Pontevedra nun evento moi motivador para os rapaces e que, polo seu potencial de apoio ao deporte base, merece o apoio da Concellería de Deportes.