O Concello traslada a Fomento o seu malestar polo incumprimento da data de apertura de Loureiro Crespo

43

O Concello de Pontevedra tasladou aos responsables do Ministerio de Fomento nas obras de construción do Tren do Eixo Atlántico ao seu paso pola cidade, o seu malestar polo incumprimento da última data comprometida, fixada para finais deste mes de abril. O concelleiro de Mobilidade, Luís Bará recordou esta mañá que as obras comezaron hai máis de seis meses, e inicialmente estaba previsto o seu remate no mes de febreiro.

Segundo a última reunión de seguimento que mantivo o Concello cos responsables das obras do Ministerio, o retraso débese a problemas técnicos na instalación das vigas para a construción da plataforma da nova rúa. Aínda que o Concello pode entender a demora e os problemas que poden xurdir día a día nuns traballos desta envergadura, solicita ao Ministerio que axilice a construción o máis posible e se abra a rúa Loureiro Crespo o antes posible, dado que se trata dun vial importante para a zona leste da cidade.

Luís Bará explicou que na última reunión que mantivo cos responsables da obra lles trasladou o malestar do Concello ante esta demora, e demandoulles que deran as explicacións pertinentes as afectados, especialmente aos residentes e comerciantes da zona. E que sexan eles os que informen á cidadanía dos desenvolvemento dos traballos e das datas de apertura. O Concello quere agradecer a comprensión e a colaboración que os veciños e empresarios do lugar están a ter co desenvolvemento dos traballos.

Dado que no futuro está previsto pechar ao tráfico outros puntos do viario urbano por estas obras do Tren do Eixo Atlántico, Luís Bará anunciou que o Concello estará vixiante para que non se volva a producir esta situación, especialmente no futuro peche da rúa Santa Margarida.