A recepción da urbanización de Fontesanta pon fin a unha lea urbanística que duraba 18 anos

56

A urbanización de Fontesanta (o solo urbanizable B-4 no Plan Xeral de Ordenación Municipal) foi recibida hoxe polo Concello. Un acto encabezado polo tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, serviu para poñer fin a 18 anos de irregularidades que impediron que a urbanización, incluíndo os seus espazos libres, zonas verdes e viais pasasen ao patrimonio municipal.
O polígono cunha superficie total de 61.200 metros cadrados sitúase a carón de Campolongo, entre a rúa Blanco Amor e o ramal ferroviario ao porto de Marín, e a escasos metros do gran centro comercial da zona.
A resultas da recepción, o Concello pasa a ser titular das rúas Fotógrafo Zagala, Escultor Acuña e Fotógrafo Pintos, dous pasos peonís e dúas zonas verdes, unha delas dotada cun minicomplexo deportivo composto por dúas pistas de tenis e unha de pádel.
A recepción deste ámbito abre tamén as portas á concesión das licenzas de primeira ocupación ás aproximadamente 70 vivendas construídas nas distintas parcelas.
O polígono de Fontesanta executouse no ano 1994 polas promotoras “Deca Promociones S.L.” e “Aridos Gallegos, S.A.”. Sen embargo, tres anos despois constatouse que as obras realizadas non se axustaban ao proxecto de urbanización aprobado. Comezaron aí unha serie de trámites para corrixir as deficiencias, ata que no ano 2000, cando se ía proceder á recepción das obras, comprobouse que se tiña construído unha piscina particular sobre os terreos dunha zona verde. Todo elo obrigou a novas correccións, desta volta de maior alcance, incluíndo a modificación do Plan Parcial inicial do polígono, para dotalo dunha zona verde equivalente.