Unhas 1.500 persoas votaron no marco do concurso “Ponte en flor” para elixir o mellor escaparate

45

O xurado cualificador do primeiro concurso de escaparates de Pontevedra, “Ponte en flor”, realizou hoxe unha visita aos 32 establecementos participantes para valorar as súas propostas. Durante máis de dúas horas, co apoio dun dossier fotográfico, percorreu os comercios. A choiva dificultou o labor e converteu ao paraugas en complemento indispensable.
O xurado está encabezado pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Carlota Román, e formado polo vicepresidente de Aempe, Hermenegildo Novoa; a representante do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Mónica Tomé; a escaparatista Tani Juncal e o xornalista gráfico Ramón Capotillo.
Román amosou a súa satisfacción por ter posto en marcha esta primeira edición que, agarda, poda ter continuidade no futuro cunha participación cada vez maior do comercio local. O máis importante, significou, é que dende a Concellería conseguiuse enviar un estímulo claro para que os comerciantes coiden os escaparates e aproveiten todo o seu potencial como reclamo para atraer clientes.
A responsable de Promoción Económica destacou que algunhas das propostas deste primeiro concurso demostran que con pouco gasto pódese compoñer un escaparate moi digno. Só fai falla imaxinación e certa inquietude. O escaparate, engade Román, contribúe tamén a  dar imaxe de cidade moderna e dinámica.
A concelleira está especialmente satisfeita da participación popular no concurso. Unhas 1.500 persoas encheron o cupón de votación que se podía recoller nos establecementos participantes e depositárono na urna situada na Casa da Luz.
A decisión do xurado, ponderada co voto popular, será dada a coñecer nun acto a celebrar mañá na propia Casa da Luz ao que serán invitados os tres comercios gañadores dos premios de 500, 300 e 200 euros, respectivamente. No acto sortearanse tamén os 10 cheques-compra, por valor de 20 euros cada un, entre o público participante nesta iniciativa.