Redeaxuda cumpre tres meses con importantes éxitos no eido da axuda en situacións extremas

39

A Redeaxuda de Pontevedra celebra nestes días tres meses de existencia acadando moi bos resultados nos obxectivos cos que se creou. A concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces explicou que esta rede informática mellorou a coordinación entre as asociacións “pero na práctica temos que mellorala, porque a área interna úsase pouco”.

Tamén se mellorou substancialmente a conexión da asociación coa cidadanía “que empezou a dar bastantes froitos, pero aínda non chega”. Por iso, Carmen Fouces entende que é preciso seguir ampliando a divulgación da páxina www.redeaxuda.com e plantexa seguir mantendo reunións cos axentes sociais: sindicatos, universidade, centros de ensino, bibliotecas… E quere crear unha rede de empresas que queran participar nesta iniciativa cos seus stocks.

Lembrou que houbo varias alertas. A primeira foi unha emerxencia de Cáritas que solicitaba cartos para unha familia “e conseguiuse en dous días” ou o caso de Meniños que solicitaba sábanas “e apareceron moitas caixas de sábanas dunha coñecida empresa local que ao coñecer a urxencia, acudiu aos stocks que xa non eran para vender pero si para usar, e decidiu entregar varias caixas”.

“En Pontevedra pódese facer esta iniciativa porque a cidadanía ten capacidade de sentirse partícipe. Temos que ter claro que en Redeaxuda, as asociacións e os cidadáns son os protagonistas”, explicaba Carmen Fouces.

A Redeaxuda de Pontevedra é unha iniciativa que pretende crear sinerxias e facilitar a participación cidadá en relación coas entidades sociais de axuda ante situacións extremas.  Esta iniciativa está impulsada pola Concellaría de Benestar Social Municipal a partir de diversas xuntanzas nas que participaron as entidades asociativas adicadas a esta actividade e unha vez detectadas as posibles melloras que poderían facer máis eficiente o seu traballo social.  Esta iniciativa se materializa de dúas formas:  creando a propia rede, interconectando ás entidades, creando fichas identificativas sobre as funcións de cada unha, obxectivos, situación, contacto…; a través dunha xanela electrónica para favorecer a interación coa cidadanía e os medios de comunicación www.redeaxuda.com 


EMERXENCIA

Neste momento, Redeaxuda ten unha petición urxente: A Fundación Meniños solicita un frigorífico, unhas muletas para un neno de 17 anos e un ou dous armarios e unha cómoda.