O Concello mellora a accesibilidade e a pavimentación do entorno da igrexa de Campolongo

32

O concelleiro delegado da área urbana, Luís Bará e a concelleira delegada do barrio de Campolongo, Carmen Fouces visitaron esta mañá os traballos de reparación e accesibilidade que se están a realizar na praza da Constitución, no barrio de Campolongo.  Estes traballos pretenden manter os espazos públicos nun bo estado de uso, a través de pequenas actuacións para mellorar o estado das vías e das beirarrúas; mellorar a accesibilidade coa eliminación das barreiras arquectónicas; ou mellorar a seguridade viaria, especialmente nos centros escolares e en puntos perigosos.

Na visita desta mañá puideron comprobar os traballos de mellora de accesibilidade de todo o entorno da igrexa de San Xosé coa colocación de enlousado para facilitar o tránsito de peóns, pero tamén dos servizos funerarios que se achegan á igrexa, así como os de atención ás piscinas de Campolongo. Está previsto restrinxir o tráfico en todo ese ámbito, agás os dos servizos da zona.

Pola súa banda as brigadas municipais están a rematar traballos de reposición, substitución e colocación de enlousado no paseo de Valle-Inclán, tamén na zona de Campolongo.

Estes traballos integran unha campaña de pequenas obras de conservación, mantemento e reparación dos espazos públicos urbanos que se están a desenvolver ata en 30 rúas distintas da cidade. Son traballos de reposición de lousas, reparación de calzadas, de beirarrúas, eliminación de barreiras arquitectónicas, mellora da sinalización viaria… xunto a outras actuacións que permitirán ampliar a vida útil dos espazos públicos a través do seu coidado e do mantemento en bo estado.

A Concellaría que xestiona Luís Bará executará arredor de 450.000 euros de aquí ao final de ano nestes labores. Combinará o traballo diario das Brigadas municipais (arredor de 8 operarios), xunto a un novo contrato de mantemento dos espazos urbanos de máis de 230.000 euros, e o contrato anual de mantemento do centro histórico de 100.000 euros.

Ademais do entorno da igrexa de Campolongo e do paseo de Valle-Inclán, tamén están en execución:

• Rúa Holanda (Monte Porreiro): Mellora do pavimento de beirarrúas.
• Conde de Gondomar:  eliminación de barreiras e calmado do tráfico no acceso Escola Infantil da Parda.
• Eliminación de barreiras en Fernando Olmedo
• Centro Histórico: xardíns da Avda de Santa María, reposicións de tapas de rexistro e lousas rotas ou deterioradas (Sarmiento, Real, Curros Enríquez, San Martiño…)

Será inminente o inicio das seguintes obras:

• Eliminación de barreiras e calmado do tráfico na rúa do Campo Santo
• Mellora do pavimento en San Pedro Alcántara
• San Antoniño: reparación de pavimentos e mobiliario beirarrúas
• Centro Histórico: mellora do pavimento e accesibilidade no Eirado de Álvar Páez e Tristán de Montenegro.

Dentro desta campaña de mantemento, conservación e reparación dos espazos urbanos, xa están rematadas:

• Xeneral Rubín: eliminación de barreiras na ponte da Taboada
• Raíña Víctoria: eliminación de barreiras na saída do estacionamento da Alameda.
• Bolardos, bancos e aparcabicis na Avenida de Bos Aires (diante da Escola de Adultos, antigo Maxisterio)
• Barcelos: reparación de pavimento da praza e beirarrúas, mellora da accesibilidade


Os traballos propiamente de reparación estanse complementando con outras actuacións como a sinalización viaria das rúas da cidade, a instalación de novas papeleiras no centro histórico e no ensanche, a retirada de mobiliario urbano deteriorado, paneis de obra, ferranchos…, comunicación a empresas privadas para que reparen elementos urbanos privados que se atopen en mal estado…