A empresa das obras do AVE informa ao Concello que abrirá Loureiro Crespo o venres

64

O concelleiro de Mobilidade, Luís Bará participou na xornada de hoxe nunha reunión de seguimento das obras do Tren do Eixo Atlántico ao seu paso pola cidade, na que estiveron presentes técnicos municipais e tamén representantes da empresa. Nesta reunión a empresa anunciou que ten previsto abrir ao tráfico a rúa Loureiro Crespo este vernes, 11 de maio, ao longo da xornada (probablemente pola tarde).

Tamén advertiu a empresa que permanecerá pechada a beirarrúa que une Loureiro Crespo con José Malvar porque aínda teñen que facer obras nese lado, pero si abrirase a calzada para o tráfico rodado e toda a pasarela peonil José Adrio.

Esta apertura prodúcese dez días despois de que o concelleiro Luís Bará trasladase o seu malestar á empresa pola demora que estaban levando estes traballos, cuxo remate estaba previsto para o mes de febreiro.

Na reunión tamén se confirmou que o peche da ponte do tren en Santa Margarida aprázase para despois do verán.