Máis de 500 escolares “correron pola lingua” polas rúas de Pontevedra

47

Pontevedra acolleu esta mañá unha nova edición de Correlingua na que participaron máis de 500 escolares de toda Galicia. Por mor da chuvia as actividades, previstas nun primeiro momento para a praza da Ferraría e a zona antiga, tiveron que ser trasladadas ao Recinto Feiral no Pazo da Cultura.

Esta actividade, organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, A Mesa pola normalización Lingüística, conta coa colaboración do Concello de Pontevedra a través da Concellaría de Normalización Lingüística. A carreira comezou visitando a cidade de Ourense e pasará por outras 11 localidades ata chegar a Viveiro.

O correlingua é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego. Ademais do traballo previo na clase, na carreira cada participante leva no seu dorsal unha palabra que lle guste en galego, para que as verbas non sexan esquecidas.

Ás 10:30 h comezou a chegada dos centros ao Recinto Feiral, onde o grupo de animación Art Monium lles deu a benvida, e comezou a preparación para a saída da carreira. Pimeiro saíron os nenos/as de infantil e primaria, que cubriron o seguinte percorrido: rúa Alexandre Bóveda, paseo peonil da Avd. Compostela, xardíns de Rosalía de Castro (paralelo a Rafael Areses), e volta polo mesmo sitio.

Un minutos máis tarde sairon os/as rapaces/as de secundaria, facendo un percorrido máis longo: Alexandre Bóveda, paseo peonil da Avd. Compostela, paso de peóns de Rafael Areses, ponte de Santiago, paso de peóns da Avd. Bos Aires, paso de peóns Padre Amoedo Carballo, rúa Serra, Don Gonzalo, Sarmiento, Gregorio Fernández, Padre Isla, Arcos de San Bartolomeu, Serra, paso de peóns Padre Amoedo Carballo e volta polo mesmo percorrido.

A Policía Local de Pontevedra e efectivos de Protección Civíl acompañaron aos participantes ao longo de todo o percorrido para garantir a seguridade, especialmente nos curzamentos.

Ao remate das dúas carreiras tivo lugar a lectura dun manifesto a prol da lingua e a actuación musical de Roger de Flor. O acto concluíu co saúdo aos participantes do concelleiro de Normalización Lingüística*, Demetrio Gómez Xunqueira e a solta de globos.

Centros que participaron no Correlingua:

• CEP Marcos da Portela (Pontevedra): 100 participantes
• IES Ponte Caldelas (Ponte-Caldelas): 50
• CEIP San Martiño (Pontevedra): 60
• CRA de Meis (Meis): 72
• CEIP Doutor Suárez (Fornelos de Montes): 87
• IES de Cotobade (Cotobade): 27
• IES Faro das Lúas (Vilanova de Arousa): 70
• CEIP de Carballedo (Carballedo): 56
• Ceip As Covas-Meaño (Meaño):15