50 nenos e 20 pais da Escola infantil da Parda farán mañá o roteiro dos Bolechas

39

A Concellaría de Normalización Lingüística, que dirixe Demetrio Gómez Xunqueira, organiza un Roteiro dos Bolechas moi especial mañá, venres 11 de maio, para familias con nenos/as de 0 a 3 anos da ANPA Cucú da Parda. A saída será desde a praza da Peregrina ás 10 horas e rematará na da Pedreira ás 11.30 horas aproximadamente.
O Roteiro dos Bolechas vense realizando desde principios do ano 2011 con grande exito de participación entre os escolares de educación infantil e primeiro ciclo de primaria de centros, tanto do propio concello, como de localidades veciñas.
A actividade consiste nun percorrido guiado pola cidade do Lérez da man das personaxes creadas por Pepe Carreiro, co libro Excursión pola zona vella de Pontevedra como apoio didáctico. Está ideado para que o fagan pais e nais cos seus fillos/as, explicándolles curiosidades da vila de Pontevedra no noso idioma. Xustamente este caracter familiar do roteiro foi o que permitui organizar, xunto coa ANPA Cucú da Escola Infantil da Parda, unha adaptación do mesmo para que os máis pequenos (de 0 a 3 anos) o fagan na compaña das súas familias.
O obxectivo fundamental do Roteiro dos Bolechas é achegar o galego ás familias no ámbito urbano, onde o idioma conta con máis dificultades e prexuizos.