Mosquera expón en Huesca o éxito do modelo de Pontevedra pensada para os peóns

90

Pontevedra está presente hoxe na X xornada Rete 21, que se celebra no Pazo de Congresos de Barbastro (Huesca), que aborda o Camiño escolar. O concelleiro de Infraestruturas César Mosquera e o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle participan nesta xornada para falar sobre a “Integración da mobilidade escolar nas políticas municipais” e achegando a experiencia de Pontevedra.

César Mosquera explicou que Pontevedra “leva doce anos creando espazos urbanos amables e accesibles, sen problemas de tráfico ou seguridade para os desprazamentos peonís e en todas as direccións, non só á escola. Impulsamos os chamados camiños escolares, pero non como itinerarios protexidos dentro dun océano de inseguridade, senón que procuramos eliminar esa inseguridade xeral”.

En Pontevedra a mobilidade peonil, ciclista, infantil e xuvenil resolveuse dentro do marco xeral da mobilidade urbana, seguindo as seguintes  reflexións e traballando en moi diversos aspectos. Partiuse da análise xeral de que a mobilidade e a seguridade melloraron moito nas últimas décadas, salvo a mobilidade urbana “que segue igual de mal ou, incluso, peor”. A causa profunda desta situación na que hai que actuar é o reequilibrio entre os diferentes modos de mobilidade urbana, que está descompensado a favor do coche particular.

Lembrou na súa intervención César Mosquera que “a mobilidade peonil é a máis básica e natural de todas. A primeira en orde de importancia, insubstituíble e intercambiable. É o xeito máis san e natural de desprazarse no medio urbano cando as distancias e tempos necesarios non superen algún límite, por exemplo, 3 km ou media hora. Lograr que este tipo de desprazamentos fáganse a pé, sería o factor decisivo para a mellora global da mobilidade urbana”.

Partindo da base de que a mobilidade peonil debe ter igual importancia que a rodada, as administracións e os cidadáns deberan recuperar a orde natural dentro dos distintos tipos de mobilidade, e incorporar como variable capital as necesidades dos peóns. Dentro disto, o tráfico rodado nunca debería superar a metade da superfice total das rúas; o suposto dereito a estacionar nas rúas debe ser un uso máis, e perder o seu privilexio de monopolio para que prive o uso colectivo sobre o individual; hai que fixar velocidades máximas moderadas nos ámbitos urbanos e facer que se cumpran eses límites…

César Mosquera aclarou que “a recuperación da mobilidade peonil, o re-equilibrio entre as diversas formas de mobilidade, non pode condicionarse nunca a futuro ou a outras actuacións. Estariamos demorando sen horizonte temporal a solución a un problema perentorio”.

Xa metido no modelo de Pontevedra, lembrou que “o proceso de implantación está moi avanzado. Xa toda a cidade ten limitada a velocidade máxima a 30 km/hora coas barreiras físicas correspondentes. Os principios e conceptos claros, e a coherencia na aplicación, levaron a bo porto o proceso”.

“A calidade urbana e a calidade da mobilidade peonil e ciclista son moi elevadas, e isto, sen facer ningunha restrición ao funcionamento da cidade. Ao contrario, a cidade resulta máis atractiva e segura, e funciona mellor. Toda persoa que "necesita" circular para desprazar mercancía ou persoas, ten moitas máis facilidades que na situación previa”.

“Do total de desprazamentos urbanos, os dous terzos son peonís. E aínda así, o volume de desprazamentos en coche dentro da cidade pode seguir reducíndose, en favor do peonil, porque segue habendo moita circulación, cada vez menos, pero aínda moita, que non cumpre ningunha das razóns que se poden aceptar como válidas e, polo tanto, incorporarse ao concepto de necesidade. Ademais, os índices de sinistralidade son moi baixos, especialmente entre os peóns”.

“A nosa experiencia mostra que a solución á mobilidade e a seguridade urbana van polo camiño de que dea a primacía absoluta a mobilidade peonil entre todos os tipos de mobilidade urbana. Estamos convencidos de que este é o camiño para a mobilidade e a seguridade nas cidades, de que a solución só poderá vir dunha clara primacía, que non exclusividade, da mobilidade peonil en ámbitos urbanos. Así poderán adquirir os nenos a autonomía de desprazamento en calquera dirección e espazo urbano, e de exploración da súa contorna que tanto ben fan á súa saúde e ao seu normal desenvolvemento evolutivo”.


A experiencia do Álvarez Limeses

Daniel Macenlle, intendente principal da Policía Local, foi o encargado de falar do Camiño escolar implantado en Pontevedra partindo da afirmación: “Na miña cidade os nenos poden ir sos ao colexio dentro duns estándares de seguridade aceptables… pero hai que vencer o medo dos pais”.

Asegurou que a experiencia que xa funciona no centro Álvarez Limeses quérese xeralizala ao resto de centros da cidade seguindo estes obxectivos:

• Fomentar a autonomía persoal
• Fomentar habitos saudables
• Fomentar modelos alternativos da mobilidade sostible.
• Fomentar a cohexión social
• Fomentar a seguridade viaria
• Mellorar a fluidez do tráfico

O proxecto foi “excelentemente” acollido polo claustro de profesores  ao igual que na Anpa. Fixéronse enquisas sobre a mobilidade dos escolares, detectáronse os puntos conflictivos e a protexer, impartíronse cursos de formación en materia ambiental e tal xeito que na actualidade no centro elabóranse proxectos educativos para relacionar os contidos das materias no entorno. Tamén participan voluntarios e comerciantes que fomentan o obxectivo da cohexión social.

Como conclusión, Daniel Macenlle apuntou varios datos:

• O proxecto vai dirixido a 500 alumnos
• Máis do 95% vai camiñando
• Máis do 25% xa van sos

Obxectivos de Rete 21

Segundo reza no programa da xornada “dende Rete 21 gustaríanos que os escolares da provincia de Huesca recuperaran o uso e goce do espazo público” e busca que “o camiño escolar sexa unha parte máis da aprendizaxe infantil no que se promova a autonomía persoal e o descubrimento do entorno máis próximo dos nenos e nenas”.

A xornada está dirixida a técnicos e políticos implicados no desenvolvemento das Axendas 21; técnicos e políticos de diferentes áreas; persoal docente de centros escolares; asociacións de pais e nais; e á cidadanía en xeral e a calquera colectivo que se poida sentir útil no fomento dos camiños escolares.