Verducido acolle esta fin de semana a Copa de España de Piragüismo sobre 200 e 500 metros

62

O mellor piragüismo español volve esta fin de semana ao encoro do Pontillón de Castro para acoller a Copa de España de 200 e 500 metros nas categorías Júnior, Sub23 e Sénior. A proba encádrase dentro do calendario impulsado no convenio que asinaron a Concellería de Deportes e a Federación Galega de Piragüismo.
O concelleiro, Agustín Fernández, destaca que este positivo acordo xa permitiu acoller a Copa de España Sénior 1.000 metros. Ao longo do ano, chegarán tamén o Campionato de España de Novas Promesas (á súa vez III Campionato de España por Federacións Autonómicas Infantil e Cadete) e a Copa de España de Cadetes Promesas de 1.000 metros. Todo elo converte a Pontevedra en epicentro do piragüismo nacional ao ser a cidade que máis probas acolle.
A Concellería de Deportes calcula que máis de 3.000 persoas pasarán durante o ano pola cidade por mor desta programación deportiva centrada no piragüismo.
Por outra banda, destaca Fernández, as condicións do encoro do Pontillón son óptimas, cunha ocupación de case o 100%, que contrasta coas dificultades que xurdiron a causa da seca que precedeu á celebración da Copa 1.000 Sénior. O bo tempo que se agarda para esta fin de semana e a oportunidade de presenciar a clasificación para Londres de destacados deportistas, como Teresa Portela, son outros dos alicientes.
O presidente da Federación Galega, Alfredo Bea, explicou que o horario distribúese durante toda a fin de semana. O sábado pola mañá disputaranse as probas individuais K1 e C1 sobre a distancia dos 200 metros. Aquí será onde a deportista galega Teresa Portela, de conseguir a vitoria, acadaría o billete para os Xogos Olímpicos de Londres, unha praza que a mesma Teresa xa tiña gañado no pasado Mundial en Hungría ata que a Federación Española decidiu que esta Copa servira para determinar a deportista española que participará no K1 200 metros muller. No caso de que Teresa non lograra vencer, celebraríase un control selectivo entre ela e a vencedora da Copa para determinar a posuidora final do pasaporte olímpico.
Na canoa galega, na distancia olímpica dos 200 metros, notarase a falta de David Cal e Alfonso Benavides (deportista clasificado para Londres nesta distancia). Ambos están ultimando a súa preparación, polo que faltarán a esta cita. Os favoritos serán os galegos André Oliveira (Náutico Firrete), David Maquieira (Náutico O Muíño) e Tono Campos (Náutico Ria de Betanzos).
O sábado pola tarde, será a quenda da distancia dos 500 metros, tamén en embarcacións individuais.
O domingo chegará o momento das embarcacións dobres, en C2 e K2. Nas canoas C2 os galegos optan a vitoria tanto na categoría Júnior como Sénior. No K2 hai opcións claras tanto nas embarcacións do Kayak Tudense, Náutico O Muíño e Piragüismo Aldán.
Máis información en Twitter co hashtag #CopaEspaña200500 ou #PiragüismoGalego.