A Concellería de Educación investirá case 25.000 euros en subvencionar as actividades das ANPA

68

A Concellería de Educación apoiará ao movemento educativo pontevedrés cunha nova convocatoria das axudas para financiar actividades sen ánimo de lucro a cargo das Asociacións de Nais e Pais (ANPA) que desenvolvan actividades durante o curso escolar 2011-2012.
O importe total das axudas é, nesta convocatoria, de 24.670 euros. O importe de cada subvención non poderá exceder do 50% do custo da actividade.
As ANPA interesadas poden presentar as súas solicitudes a través do Rexistro Xeral do Concello de Pontevedra ata o próximo 11 de xuño. As bases foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia de onte.
O concelleiro, Agustín Fernández, destaca que o seu departamento, que apostaba inicialmente por canalizar todas as actividades extraescolares a través do convenio con Fanpa-Pontevedra, decidiu manter este tipo de axudas tras recibir a petición expresa das propias ANPA.
Estas axudas municipais, como destacaron as asociacións, son a única vía de financiamento coa que contan para poder organizar actividades concretas e demandadas polas súas respectivas comunidades escolares.