Saída de Natureza sobre rodas por Salcedo

51

As concellarías de Medio Ambiente e Mobilidade convocan este domingo, 13 de maio, a segunda xornada das visitas en bicicleta aos espazos naturais do concello: Natureza sobre rodas. A saída da pasada semana tivo que ser suspendida polas malas condicións meteorolóxicas, polo que aquela celebrarase o vindeiro domingo, 20 de maio.

 

Para este domingo, 13 de maio, está prevista a saída para coñecer as paisaxes de Salcedo. A saída será ás 11.00 horas do edificio administrativo da Xunta, en Campolongo.

 

A ruta agroforestal pola parroquia de Salcedo ten unha lonxitude de 13,8 km e transcorre polos lugares de San Brais, Matalobos, A Igrexa, O Cruceiro, Carballo do Pazo, O Cruceiro e O Carramal. Cunha dificultade baixa, no percorrido observarase a riqueza e variedade de elementos desta parroquia pontevedresa.

 

Nas paisaxes de Salcedo destaca a riqueza de fauna e flora dos seus ríos, especialmente do Tomeza e do Batán; neste último localízanse numerosos muíños en proceso de recuperación. Tanto os muíños da Cancela como os que se atopan no lugar de Navalexo están completamente restaurados. O patrimonio arqueolóxico ten a súa representación nas estacións rupestres do outeiro do Mato das Cruces e deo penedo de Vilar de Matos, xunto co castro das Croas. Outro dos elementos é o Pazo de Gandarón, onde se atopa a Misión Biolóxica de Galicia, un centro dependente do CSIC e adscrito á área de ciencias agrarias que investiga os principais cultivos galegos.