Un total de 40 vivendas do barrio mariñeiro de Estribela poderán beneficiarse das oportunidades que abre a Área de Rehabilitación Integral (ARI). O convenio que a regula a quinta fase foi asinado hoxe en Santiago polo tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro. O acto estivo encabezado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e a ministra de Fomento, Ana Pastor.
A quinta fase da ARI de Estribela, aprobada en 2007, aborda así a súa quinta fase, que vai durar ata o ano 2016. Contempla un investimento total de 3.220.659,88 euros, dos que 2.728.800 están destinados a rehabilitación de vivendas e elementos comúns dos edificios, 200.000 euros a obras de urbanización e 291.859,88 euros a financiar os gastos de funcionamento da oficina de rehabilitación-portelo único.
Segundo o acordo asinado hoxe, o Concello de Pontevedra achegará 376.859,88 euros (un 11,7%); o Ministerio de Fomento, 275.000 euros (8,54%); a Xunta de Galicia, 240.000 euros (7,45%) e, finalmente, os beneficiarios das obras, un total de 2.328.800 euros (72,31%).
Os veciños de Estribela xa están informados deste acordo, pois o pasado mes recibiron unha carta asinada por Antón Louro, na que se lles informaba da apertura da 5ª fase do programa. Como se explicaba no texto, as axudas son a fondo perdido e ata un 75% do orzamento protexible. O tope máximo é de 10.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes e a documentación necesaria remata o 30 de setembro próxi8mo.
No ámbito protexido do barrio de Estribela hai un total de 481 vivendas. A ARI foi declarada o 3 de maio de 2007. Dende entón, as catro fases desenvolvidas, permitiron o acceso ás axudas públicas para máis de 200 actuacións de rehabilitación de vivendas, das que 167 xa están rematadas e o resto en tramitación e/ou execución. Ao tempo, foron reurbanizadas as rúas do Cruceiro, das Laxes e Senén Sobral e está previsto facelo na praza Marqués de Valterra e nas rúas da Pedralonga, do Mercado e Comboa.
En Galicia existen 44 áreas de rehabilitación repartidas por 31 concellos. O acordo asinado hoxe en presencia dos representantes municipais contempla un total de 2.500 actuacións concretas de rehabilitación.
Inicio Novas