A Concellería de Turismo actualiza a caseta informativa da praza de España converténdoa nun “collage” de espellos

63

Dar unha imaxe moderna e sorprendente é o obxectivo da innovadora reforma que a Concellería de Turismo vén de realizar na caseta de información da praza de España. Un efecto que acádase gracias a unha nova “pel” composta por un “collage” de espellos de grandes dimensións que xogarán cos reflexos da Alameda, as ruínas de San Domingos e os edificios do entorno do Concello vello.
A concelleira de Turismo, Carlota Román, inaugura esta tarde a nova infraestrutura, destinada a atender aos excursionistas que, despois de baixar do autobús, entran na cidade a través da habitual ruta da Alameda e a praza de España.  Un total de 18.594 persoas pasaron por este punto informativo durante o ano pasado.
Román subliña a aposta por optimizar as instalacións existentes e a contención de gasto, dado que con esta reforma o Concello tamén adquire a caseta de bloques de madeira montada o pasado ano con ocasión do Campionato de Europa de Triatlón. O investimento final ronda os 12.000 euros.
Optouse por manter o seu aspecto interior e forrala exteriormente cun capuchón illante, co acabado final que proporciona o recubrimento do “collage” de espellos. A maiores instalouse un cubo elevado co indicativo de información turística para facela máis recoñecible.
A concelleira explicou que a estrutura xa tiña un aspecto moi digno, pero a súa configuración a base de troncos non era estanca e padecía filtracións de auga. Así, con esta solución, a caseta terá dúas imaxes en función da época do ano. En inverno vestirase con esta nova “pel” de espellos e perderaa no verán para recuperar o seu aspecto orixinal. Non será o caso deste verán, no que, ao estar de estrea, manterase o “look” reflectante.
Os puntos de información turística son parte da imaxe que os que nos visitan se levan da cidade, destacou Carlota Román, quen subliña que Pontevedra dispón dunhas magníficas instalacións como as da Casa da Luz (que se non son o mellor Centro de Recepción e Información de Galicia, pouco lle ha faltar) e dúas casetas de atención en puntos estratéxicos como son a praza de España, pensada para os excursionistas, e o entorno das estacións de ferrocarril e autobuses no extremo da avenida de Eduardo Pondal.

INTEGRACIÓN DE OFICINAS TURÍSTICAS
Por outra banda, Carlota Román aproveitou a inauguración para destacar que segue a traballar na idea que propuxo de integrar os dispositivos de atención ao turista do Concello e da Xunta de Galicia na Casa da Luz. A iniciativa da concelleira socialista foi exposta persoalmente á secretaria xeral de Turismo en agosto do pasado ano e madurada durante varias xuntanzas coa subdirectora xeral de Turismo.
O Concello xa entregou unha proposta con toda a documentación. A primeira impresión, transmitida verbalmente foi favorable, pero a Xunta pediu algo máis de tempo alegando que están en proceso de reestruturación con vistas á creación da Axencia de Turismo de Galicia. Deixaron claro que lles interesa a nosa proposta, explica Román, e agardamos que nun prazo breve de tempo nos dean unha resposta definitiva, porque compartir a Casa da Luz suporía moitas vantaxes e permitiría optimizar a atención ao público e a proxección turística da cidade. Nos tempos que corren, concluíu a concelleira pontevedresa, o lóxico é que compartamos esforzos para aforrar custes, e máis nun caso como este, no que a colaboración significa ademais un mellor servizo.