Iluminación e mobiliario, últimas actuacións da restauración ambiental da Illa do Covo

45

Iluminación, mobiliario urbano e plantacións son os últimos traballos que a Concellaría de Medio Ambiente acomete na Illa do Cobo cuxa restauración ambiental achégase ao seu final.

Na xornada de mañá, arredor das 12.00 horas, a empresa Setga instalará a iluminación no parque infantil e tamén na praza de entrada á Illa. Forma parte dunha gran partida de iluminación da Illa que xa se está a instalar nesta semana con balizas e farois específicos para este entorno natural.

Para a Illa do Cobo, a empresa Setga en colaboración cos servizos técnicos municipais crearon o conxunto de iluminación Xuncos, que pretende representar a esencia da alma da Xunqueira do Lérez. Están compostos por 3 columnas de 5, 7 e 9 metros de altura e con diferentes ángulos de inclinación.

Estes singulares xuncos están fabricados integramente en aceiro corten e cun coidadoso proceso de deseño que garante a pureza das liñas e ese acabado final que lle confire a característica cor que tan ben conxunta cos espazos de vexetación.

Na vindeira semana comezará a instalación do mobiliario específico da Illa.