Pontevedra acolle o “II Torneo Minibasket”, coa participación de 250 rapaces pertencentes a 11 clubs da provincia

40

O deporte da canastra será protagonista durante esta fin de semana en Pontevedra. A cidade celebra o “II Torneo Minibasket” que organizan os clubs locais do Baloncesto Base Pontevedra e o Estudantes. O evento conta co patrocinio da Concellería de Deportes.
A cita foi presentada hoxe no Concello nun acto presidido polo concelleiro, Agustín Fernández, xunto cos máximos responsables do Baloncesto Base, Martín Charlín, e do Estudiantes, Miguel Barreiro.
Nesta segunda edición do torneo haberá un total de 250 rapaces distribuídos en 21 equipos que pertencen a 11 clubs da provincia. O mellor do baloncesto base da provincia, como subliñaron os dous organizadores. Estarán, ademais dos dous clubs organizadores, o C.B. Arxil, o Marín Peixegalego, o C.B. O Grove, Xuven Cambados, C.B. Meco O Grove, A.D. Cortegada Carril, C.B. Baiona, C.B. Vilagarcía e Río Ulla Pontecesures.
No torneo, de carácter mixto, participarán deportistas de categorías benxamín (nacidos entre 2002 e 2006) e alevín (nacidos entre 2000 e 2001). Trátase dun certame non competitivo no que trátase de potenciar a convivencia e o amor polo deporte. Cada equipo benxamín disputará tres partidos e os alevíns, dous.
Os partidos celebraranse no Pavillón Municipal Multiusos e no pavillón do instituto Xunqueira 1 en horario que vai das 10.30 horas ata pasadas as 13.30 horas.
Agustín Fernández destacou o labor que Baloncesto Base e Estudiantes están a realizar coordinadamente a prol da base e o seu interese en organizar actividades como a desta fin de semana.
O torneo, como destacaron os dous responsables do Baloncesto Base e do Estudiantes, é tamén preludio da fusión na que están a traballar os dous clubs locais e do que xurdirá o Club Baloncesto Estudiantes Pontevedra, no que agardan acoller a máis de 200 practicantes deste deporte ata a categoría junior, ademais dun equipo de veteranos. Ao tempo, comezarán a traballar para, a medio prazo, dispoñer dun equipo sénior.