Ampla oferta cultural para esta fin de semana en Maio, mes da lingua

45

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza como cada ano o programa Maio, Mes da Lingua, que este ano chega á oitava edición. Trátase dun conxunto de actividades, orientadas á promoción do uso e do prestixio da lingua galega, que aglutinan tanto actividades organizadas pola propia Concellaría, como aquelas froito do traballo de diferentes asociacións e colectivos do concello, sensibilizados coa promoción da lingua galega.

A programación para esta fin de semana é a seguinte:

Sábado, 19 de maio

• Presentación do proxecto “Vitaminas para o galego”. Ás 20 h no Centro Social A Revira. Organiza: asociación cultural A Revira.

Domingo, 20 de maio

• Obradoiro de instrumentos vexetais. Inscricións: 676 842 942. Sáida ás 10.30 h desde a ponte da Condesa, no río dos Gafos. Os menores deben ir acompañados; cómpre levar navalla. En caso de chuvia farase na casa da cultura de Bértola. Organiza: Os Chichisos.

Luns, 21 de maio

• Inauguración da exposición O galego tamén noutros mundos. No CEIP Campolongo, do 21 de maio ao 8 de xuño. Organiza: CEIP Campolongo. Colabora: Concellaría de NL-Concello de Pontevedra
• Conferencia “Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía” por Charo Portela. Ás 11.30 h no CEIP Campolongo. Organizan: Concellaría de NL-Concello de Pontevedra. Colabora: Editorial Xerais.