O Concello pide á Xunta autorización para pór medidas de seguranza viaria e accesibilidade na estrada de Marín

61

O Concello de Pontevedra solicítalle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que lle autorice obras de eliminación de barreiras arquitectónicas e seguranza viaria na estrada vella de Marín, no tramo máis urbano entre a rotonda de Fernández Ladreda e Manuel del Palacio ata despois da Casa do Mar. Dende a citada rotonda, a estrada é de titularidade autonómica.

A proposta foi presentada esta mañá polo concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera quen destacou que esta estrada, no seu tramo máis urbano "presenta deficiencias importantes: de deseño, de urbanización, de accesibilidade…". Aínda que o Concello traslada á Consellería a posibilidade de asinar un convenio para reurbanizar toda a estrada, especialmente o seu tramo máis urbano, tamén recoñece "que os tempos poden non estar para esto".

De todos modos, César Mosquera entende que si é urxente facer traballos de seguranza viaria e accesibilidade, especialmente nos dous puntos máis sensibles: no Colexio Salvador Moreno e na Casa do Mar, onde se teñen rexistrado algúns atropelos.

O Concello recibiu máis de cen sinaturas de pais e nais do colexio e, aínda que a zona está limitada a 30 km/h, para moderar a velocidade dos coches. A pesar desta situación, o Concello entende que é necesario pór medidas reductoras da velocidade como pasos de peóns sobreelevados, especialmente diante do colexio e da Casa do Mar, e tamén facer traballos para mellorar a accesibilidade como colando orellas ou rampas.

Pola resposta que a Xunta deu a pasada semana en sede parlamentaria, o Concello entende que a Xunta non fará esta reurbanización, por iso lle solicita que lle autorice facer obras de carácter urxente e mínimas para mellorar a seguridade e a accesibilidade, porque "independentemente da titularidade da estrada, os cidadáns teñen dereito a esta seguranza nesta zona da cidade".

O concelleiro de Infraestruturas descartou que o Concello faga a reurbanización deste tramo da rúa Rosalía de Castro porque "estamos falando de varios millóns de euros, dado que hai que cambiar todos os servizos", e neste momento o Concello non o pode acometer, pero si tal vez nuns anos. De todos os xeitos, as obras que agora se executarían -se a Xunta autoriza- serían aproveitadas para unha futura reurbanización.