Saída de Natureza sobre rodas á Xunqueira da Gándara

45

As concellarías de Medio Ambiente e Mobilidade convocan este domingo, 20 de maio, a terceira xornada das visitas en bicicleta aos espazos naturais do concello: Natureza sobre rodas. Esta saída tivo que ser suspendida o 6 de maio polas malas condicións meteorolóxicas. A saída está prevista ás 11.00 horas da Casa do Concello.

A ruta litoral pola Xunqueira da Gándara ten unha lonxitude de 11,3 quilómetros e transcorre polas marismas e xunqueiras que orixinan pequenos cursos fluviais, como o río da Gándara antes da súa desembocadura no Lérez. Cunha dificultade baixa, no percorrido poderase coñecer un interesante bosque de ribeira que conta con diversas comunidades de pasariformes invernantes.

Neste pequeno esteiro é común observar aves acuáticas migratorias nos momentos de paso. A zona de marisma está suxeita á acción das mareas: cada seis horas unha parte dela pasa de estar cuberta pola auga a quedar exposta. A vexetación máis aparente é a que conforman os illotes de esparto mariño e outras especies halófitas como Sarccornia perennis e Limonium vilgare. As xunqueiras de Juncus maritimus colonizan unha cota superior á que ocupa a marisma. As beiras desta xunqueira presentan interesantes mostras de canais de Typha latifolia.