A Concellería de Educación e Fanpa-Pontevedra ofrecen máis dun milleiro de prazas nas ludotecas de verán

56

Un total de 1.080 nenos/as dos colexios públicos de Pontevedra participarán este ano no programa municipal de ludotecas, que chega co nome de “Escolas de Verán”. O programa foi presentado hoxe polo concelleiro de Educación, Agustín Fernández e o presidente da Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa-Pontevedra), Alberto Pita.
Está dirixido a rapaces de entre 3 e 12 anos escolarizados e empadroados no municipio de Pontevedra, que poderán gozar deste servizo durante as catro quincenas comprendidas entre os meses de xullo e agosto.
Fernández destacou a forte aposta pola conciliación familiar e laboral, que inspira esta iniciativa. As “Escolas de Verán” nacen para facer a vida máis fácil aos pais e nais que traballan e teñen serias dificultades durante as vacacións escolares. Para reforzar esta vocación o horario amplíase unha hora máis durante este verán e pasa a cubrir o abano entre as 9 horas e as 14 horas. En edicións anteriores comezaba e remataba media hora antes. Atendemos así as peticións que nos teñen feito algunhas familias para que o horario das ludotecas coincida co escolar, destacou o concelleiro.
A Concellería de Educación e Fanpa-Pontevedra optaron por ofrecer aínda un mellor servizo aos proxenitores interesados, que poderán gozar de servizo Madruga, que permite deixar aos nenos a partir das 7,30 horas con almorzo incluído, e tamén de comedor, co que os rapaces poderán quedarse a comer ata as 15,30 horas. Estes dous servizos, que se ofrecen tamén esporadicamente para cubrir demandas concretas, requiren de pago adicional.
O programa sométese, explicou, a unha profunda avaliación todos os anos para comprobar puntos a mellorar. Unha das cuestións nas que se incide é na adaptación do número de prazas á demanda. Ofrecer 1.080 prazas de ludoteca nunha cidade de 83.000 habitantes dá boa conta do esforzo, subliñou o edil. A maiores, destacou o edil, o Concello demostra o seu compromiso social reservando gratuitamente un 10% das prazas para pequenos/as das familias usuarias dos Servizos Sociais.
Alberto Pita destacou que froito desta avaliación continua foi o mantemento do horario antigo (de 10 horas a 13.30 horas nas ludotecas do rural). Despois de que o ano pasado quedaran prazas vacantes e se detectaran algunhas disfuncións, a Fanpa fixo unha enquisa na que se concluíu que era innecesario adoptar o horario extenso das urbanas. Ao tempo, optouse tamén por organizar, só neste ámbito, quendas mensuais en lugar de quincenais.
A capacidade do programa municipal repártese entre as 520 prazas das ludotecas urbanas que se ofrecen este ano nos colexios Manuel Vidal Portela e Campolongo; as 280 da ludoteca de inmersión lingüística en Inglés, no colexio de Barcelos; as 120 do colexio Fina Casalderrey (Monte Porreiro) e, finalmente, as 160 prazas dos colexios rurais de Vilaverde (Mourente), Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio e Santo André de Xeve.
O programa inclúe un amplo abano de actividades. O concelleiro subliñou que non se trata só de deixar o neno/a na ludoteca. Os que participen na actividade de Inglés teñen a certeza de que se traballará na mellora da comunicación do idioma nun ambiente divertido. No resto dos casos desenvolverase un programa educativo en torno as temáticas “Navegantes”, “Eureka”, “Aventureiros” e “Codia e miolo”. Baixo estes epígrafes haberá actividades de nós mariñeiros, obradoiro de disfraces e curtametraxes, de creación literaria, de investigación e máquinas imposibles, obradoiro de escavacións arqueolóxicas, de cociña, de horticultura e  práctica de deportes. Tamén están programadas visitas, en función das quendas a unha panadería, á ruta dos muíños pola senda do Almofrei, ao parque dos sentidos de Marín, á Biblioteca pública, a unha imprenta, a Combarro e á cámara da fragata Numancia do museo de Pontevedra.
Os prezos son de 35 euros por quincena nas ludotecas urbanas e na de inmersión lingüística (21 euros para as familias numerosas). O prezo mensual nas ludotecas do rural é de 25 euros (17 para familias numerosas). En canto aos servizos complementarios, o Madruga sen almorzo significa un desembolso por quenda de 22 euros e con almorzo, 28 euros. O comedor ten un custo por quenda de 42 euros.
As solicitudes deben presentarse do 4 ao 8 de xuño de luns a venres, en horario de 9.30 horas a 14.00 horas na oficina da empresa Anias en Pontevedra, na rúa Echegaray, número 39 baixo. Información nos teléfonos 986 864 598 ou 615 780 528. Tamén pode contactarse no enderezo electrónico escolasdeveran@anias.es.
A listaxe de admitidos publicarase o día 13 de xuño na web da Fanpa-Pontevedra www.nontedurmas.org e na oficina da empresa Anias. Unha vez confirmada a praza, os solicitantes terán ata o 20 de xuño para achegar toda a documentación necesaria. Abrirase un prazo dereclamacións entre o 13 e o 15 de xuño para os solicitantes excluídos.
O programa de ludotecas finánciase pola Concellería de Educación a través do convenio con Fanpa-Pontevedra, acordo que Agustín Fernández cualifica como moi satisfactorio, porque dá moita tranquilidade saber que hai xente tan seria traballando para que todo saia ben.