Pontevedra acolle o II Congreso Internacional de Fútbol con presenza de profesionais de 16 países

32

Un total de 200 profesionais do mundo do fútbol chegados de 16 países participarán no II Congreso Internacional Ciudad de Pontevedra, que se vai celebrar no Pazo da Cultura entre o 30 de maio e o 2 de xuño. O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o director técnico do evento, Alberto Argibay, presentaron hoxe unha cita que ao chegar a esta segunda edición converteuse xa nunha  referencia deportiva do comezo do verán.
Agárdase a presenza do adestrador do Sevilla, Míchel (aínda que podería faltar a última hora); do Zaragoza, Manolo Jiménez; do Rayo Vallecano, Sandoval; do Besiktas, Carlos Carvalhal; do Sporting de Lisboa e o Benfica, Jorge Jesús. Tamén estarán os directores deportivos da Juventus, Fabio Paratici e do Sevilla, Monchi.
Argibay destacou a multiculturalidade do congreso. Na súa primeira edición recibiu a profesionais de 12 países, aos que nesta edición incorpóranse outros chegados de Austria, Italia, Holanda e Rusia. Destacou tamén a forte presencia de Portugal e Latinoamérica, especialmente de Venezuela.
O director técnico do Congreso subliñou a importancia de que coincida xusto antes do comezo da Eurocopa, no que, na súa opinión, incrementará a repercusión mediática. Á cobertura agardada por parte do Canal+ e o SportsTV portugués sumaranse varias cadeas xeneralistas e xornais e revistas especializadas de tiraxe nacional.
Sobre o programa do Congreso destacou que pásase das 21 ponencias en 8 áreas do pasado ano a 30 ponencias en 9 áreas (técnico-táctica, dirección deportiva, preparación física, readaptación, entrenamento específico, formación, medicina deportiva, psicoloxía deportiva e, finalmente, scouting e análise de xogo). As xornadas de mañá son abertas a varias áreas e as da tarde céntranse máis especificamente nas de técnico-táctica e dirección deportiva.
Agustín Fernández afirmou que este Congreso Internacional de Fútbol Ciudad de Pontevedra é un certame que “viste” a programación deportiva desta cidade. Lembrou que Pontevedra fixo unha aposta  pola organización de eventos deportivos, pero o Congreso de Fútbol achega a peculiaridade dunha maior proxección mediática e un plus de prestixio.
Fernández destacou que durante catro días estarán entre nós estudantes de titulacións relacionadas coa actividade física, adestradores, dirixentes, especialistas da medicina deportiva e todo tipo de xente interesada no “deporte rei”.
Pontevedra é unha cidade de fútbol, rematou, polo que o acerto de ter organizado este Congreso é indiscutible.