Un grupo dunha ducia de profesores de distintos países europeos están participando nun programa de intercambio organizado polo colexio San Bieito de Lérez. A iniciativa, encadrada dentro do proxecto “Comenius”, levou aos docentes ata o Concello de Pontevedra, onde foron recibidos polo titular de Educación, Agustín Fernández.
O grupo, acompañado da directiva do equipo docente do San Bieito e dun profesor de conversación que fixo as veces de tradutor, departiu con Agustín Fernández sobre a organización do sistema educativo español e das competencias da Administración local, como responsable do mantemento e conservación dos centros de Educación Infantil e Primaria.
A comitiva está formada por dous profesores ingleses, catro polacos e cinco italianos. Ta o próximo día 31 coñecerán polo miúdo o proxecto docente do colexio de San Bieito, pero terán tamén tempo para coñecer a cultura local. Hoxe mesmo visitaron o CITA. Mañá viaxarán á Lanzada e Combarro. Nas seguintes xornadas participarán, xunto con alumnos do colexio, nunha andaina polo río Almofrei. Visitarán o Museo, o Centro Histórico e a Illa das Esculturas. Finalmente, terán tempo para desprazarse ao castelo de Soutomaior.
Durante a xuntanza, Agustín Fernández explicou que o concello conta con 21 colexios públicos e que, a pesar das súas reducidas competencias en materia educativa, vai moito máis alá, tanto na execución de obras, como no impulso a programas específicos. O concelleiro citou o apoio á lingua galega, o programa de animación á lectura e á escrita creativa, os cursos de técnicas de estudo, o programa de apoio ás familias con nenos/as hiperactivos ou con déficit de atención, os comedores escolares, o plan Madruga e as ludotecas de verán e Nadal.
O programa europeo Comenius ten como principal obxectivo fomentar a mobilidade e a cooperación entre os centros educativos de toda Europa en Educación Infantil, Primaria e Secundaria. Pretende promover a multiculturalidade, difundir as mellores prácticas en materia de educación, novos métodos didácticos e desenvolver e difundir cursos de formación para o profesorado. Está dirixido especialmente cara asociacións educativas e profesorado.
Inicio Sin categoría