Yolanda Barbeito, vicepresidenta da asociación “Organizadores Profesionales de Congresos” (OPC) España, e presidenta de OPC Galicia, estivo hoxe na Casa da Luz para axudar a deseñar a estratexia de Pontevedra como cidade que aposta ao máximo polo turismo de congresos e negocios. A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Carlota Román, organizou esta xuntanza como primeiro acto dunha serie de actividades que se irán desenvolvendo nos próximos meses.
A principal conclusión é que Pontevedra resulta unha cidade idónea para organizar congresos de tipo medio, de ata unhas 500 persoas. A única limitación está na capacidade hoteleira e na existencia de só dous establecementos de catro estrelas. Yolanda Barbeito explicou que os congresistas non queren aloxamentos inferiores ás tres estrelas, pero recoñeceu que en Pontevedra hai hoteis de dúas que son perfectamente homologables.
Carlota Román destacou que o turismo de negocios ten un gasto estimado de 200 euros diarios por visitante e unha media de dous días de aloxamento na cidade. A concelleira aposta por concentralo nos períodos de marzo a xuño e de setembro a novembro, como axuda á desestacionalización. Por outra banda, anunciou que está a traballar xa en dous importantes eventos para este outono.
A vicepresidenta de OPC España confirmou que Pontevedra dispón de infraestrutura suficiente, dado que o Pazo da Cultura conta con varias salas, seminarios e mesmo espazo expositivo. Carlota Román engadiu que unha das vantaxes competitivas da cidade está no seu carácter amable e peonil, dado que se pode acceder aos hoteis, ao Pazo e ás zonas de lecer a pé, sen ningún tipo de transporte.
En opinión de Yolanda Barbeito, é a primeira vez que o Concello se implica directamente no contacto cos profesionais da organización de congresos. Trátase de empresas que non deciden directamente onde se celebran estes eventos, pero que si inflúen ao dispoñer de toda a información sobre as características das cidades aspirantes, infraestruturas, servizos, hostalería e gastronomía. A continuación recalcou que Pontevedra é unha cidade marabillosa e agradeceu que Carlota Román teña contado coa opinión do sector para perfilar a estratexia municipal neste eido.
A concelleira recoñeceu que unha das principais preocupacións dende que accedeu ao cargo é a profesionalización da xestión turística, na que o apartado congresual é crucial. Por iso hai que moverse nesa dirección. Todo co obxectivo de traer xente a Pontevedra, xente que veña a gozar pisando as rúas e os recunchos máis emblemáticos dunha cidade concibida para os peóns.
Inicio Novas