A Xunta pagará o millón pendente da Ponte das Correntes

52

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta semana unha reunión co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández que estivo acompañado de dúas secretarias xerais da Consellería e o alcalde do concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera. No transcurso da reunión a Xunta confirmou que pagará neste ano e no vindeiro o 1.040.000 euros que lle queda pendente de achegar para cumprir o convenio da ponte das Correntes.

O alcalde asegurou que se tratou dunha reunión cordial e agradábel, de feito asegurou que "foi unha pena que non se realizara hai 3 anos para avanzar nos temas importantes da cidade, sen entorpecementos institucionais por parte do PP".

Explicou que o Concello enviará á Xunta de Galicia unha proposta de mellora da ponte da Barca, coa creación dun único carril (sen definir o sentido) e ampliación de beirarrúas. A Consellería tamén confirmou que en breve sacará a exposición o proxecto de trazado da variante norte da ronda urbana (Variante de Alba).

Tamén se comprometeu a Consellería a colaborar co Ministerio e co Concello, como terceira administración titular de estradas, na remodelación do Nó de Bombeiros.

Sobre a humanización da rúa Rosalía de Castro, o Concello enviará á Consellería un proxecto de eliminación de barreiras e seguridade viaria no tramo máis urbano da estrada (ata a subida á Chamusca).

A Consellería tamén se comprometeu co Concello de enviar os proxectos de acondicionamento dos espazos sobrantes da variante de Marín, que está en execución.

Sobre a estación de autobuses, o Concello plantexoulle á Xunta a posibilidade de que o Concello execute e inclúa dentro do proxecto de desdobramento da avenida de Vigo, a conexión directa coa Estación de Autobuses, se a Xunta mellora o tramo do Gafos cara o nó do Pino

O Concello insistiu en seguir mantendo vivo o proxecto da variante do Vao ao resultar moi importante para canalizar o tráfico tanto de Poio como de Pontevedra nese punto. E aínda que non se poida executar proximanente, que a Xunta manteña o proxecto vivo para cando melloren os tempos económicos se poida plantexar a súa execución. A Consellería tamén se comprometeu a estudar as alegacións para a ubicación do porto seco en Liborei.

Os posibles malesentendidos abertos coas obras de reurbanización de Monte Porreiro xa están subsanados ao existir o compromiso de que a urbanización teña os estándares de calidade do resto da cidade, tanto nos servizos soterrados como no tratamento en superficie. O único punto no que non existiu acordo entre o Concello e a Consellería foi Ence. O alcalde defendeu que o Proxecto sectorial da fábrica é ilegal logo da sentenza do Tribunal Supremo, polo tanto as Autorizacións Ambientais Integradas, que se basan nese proxecto tamén serían ilegais. Pero a Xunta entende que o Proxecto é legal, e non afecta ao funcionamento da pasteira.

Sobre o PXOM, César Mosquera asegurou que na reunión quedou claro que coa lexislación vixente e coas interpretacións actuais por parte da Xunta, o novo PXOM de Pontevedra non se pode aprobar sen recortar a edificabilidade vixente.