Asfaltado de parte da rúa San Pedro Alcántara

42

O Concello de Pontevedra está a executar na xornada de hoxe a pavimentación de parte da rúa San Pedro Alcántara (dende Leiras Pulpeiro) dado que se atopaba en mal estado e o asfalto xa esgotara a súa vida útil. Cabe lembrar que o primeiro tramo da rúa foi recentemente pavimentado coincidindo coa reurbanización de toda a avenida de Vigo.

Aproveitando os traballos, tamén se pintarán os espazos para carga e descarga na zona, así como as zonas reservadas para minusválidos e ambulancias, un espazo que se ampliará dado que se incrementaron os equipamentos sanitarios na zona.

Estes traballos están dentro da campaña de pequenas obras de conservación, mantemento e reparación dos espazos públicos urbanos que se están a desenvolver ata en 30 rúas distintas da cidade. Son traballos de reposición de lousas, reparación de calzadas, de beirarrúas, eliminación de barreiras arquitectónicas, mellora da sinalización viaria… xunto a outras actuacións que permitirán ampliar a vida útil dos espazos públicos a través do seu coidado e do mantemento en bo estado.

A Concellaría que xestiona Luís Bará executará arredor de 450.000 euros de aquí ao final de ano nestes labores. Combinará o traballo diario das Brigadas municipais (arredor de 8 operarios), xunto a un novo contrato de mantemento dos espazos urbanos de máis de 230.000 euros, e o contrato anual de mantemento do centro histórico de 100.000 euros.

De feito, nos próximos días remataranse os traballos de reparación dos afundimentos na rúa Peregrina ou de eliminación de barreiras e mellora da accesibilidade na praza da igrexa de San Xosé, en Campolongo.