Actuar de xeito coordinado co obxectivo de loitar para o pleno emprego dos cidadáns do municipio de Pontevedra e contribuír ao desenvolvemento socioeconómico son os dous obxectivos centrais do convenio impulsado pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, e que asinarán proximamente os presidentes da Cámara de Comercio, Antonio Rivera; Asociación de Empresarios para a Pequena e Mediana Empresa (Aempe), José María Corujo; e Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), José Manuel Valenzuela.
O acordo, que non ten precedentes, ten os seu fundamento na necesidade de elaborar unha programación conxunta para os cursos de formación de desempregados, activos, emprendedores e calquera outra actividade a prol do emprego. Unha comisión de seguemento, que se reunirá tres veces ao ano será a encargada de facer efectiva esta coordinación.
Carlota Román estaba especialmente satisfeita de ter podido liderar unha iniciativa que, destacou, foi a primeira idea que puxo sobre a mesa cando chegou á Concellería. Nace con rango de convenio, polo que terá forza vinculante para as partes, e, por tanto, deberá ser asinado formalmente polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
A concelleira socialista destacou que con este convenio, o Concello e as tres asociacións empresariais anticípanse aos recortes que están por chegar nas convocatorias públicas en materia de formación. Este panorama obríganos a traballar pola empregabilidade unidos e sen competir entre nós mesmos, afirmou Román.
Como destacaron todos os implicados, pasaron os tempos de programar cada un por separado, sen saber o que fan os demais e logo ter que “mover” o teléfono a última hora para garantir unha asistencia mínima ás actividades formativas. A colaboración da Concellería de Promoción Económica vai ser fundamental pola súa capacidade a través do programa ILES e pola súas posibilidades de ofrecer infraestruturas e de difundir as convocatorias dun xeito máis global e efectivo.
Antonio Gómez Rivera destacou que a Cámara entendeu dende o principio a proposta de Carlota Román. Non debe haber competencia entre institucións e asociacións que estamos para o mesmo. Temos que sumar, en lugar de dividir, recalcou.
José María Corujo afirmou que vivimos novos tempos, pero tamén novas necesidades e novas carencias. O efecto chamada do grupo está contrastado, dixo, en alusión ao máis que posible incremento no poder de convocatoria das actividades que se organicen.
José Manuel Valenzuela, finalmente, opinou que este acordo significa que Pontevedra está máis unida na loita contra o paro, polo que agradeceu a iniciativa da concelleira. Sen embargo, lamentou que un acordo deste tipo só se poda adoptar “cando as cousas están complicadas”, porque en época de bonanza podería producir mesmo máis efectos.
Inicio Novas