Pontevedra convértese durante dous días no epicentro do debate científico sobre o adestramento do tenis

69

Un cadro docente de primeiro nivel é o principal aliciente do VII Simposium Ibérico de Tenis, que acollerá Pontevedra durante as xornadas dos próximos 7 e 8 de xuño. O congreso celebrarase na facultade de Ciencias da Educación e do Deporte na parte teórica e sobre as pistas do Casino Mercantil e Industrial na súa vertente práctica.
Un total de 55 xogadores, técnicos e profesionais xa están inscritos (20 deles chegados de diferentes puntos de España), pero os relatorios están abertos a todo tipo de público interesado no deporte do tenis.
O congreso foi presentado hoxe no Concello nun acto presidido polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández. Asistiron Antonia Blanco, vicerreitora do campus; Marco Casal, director técnico do evento e responsable da sección de Tenis do Centro Galego de Tecnificación; Vicente Peña, vicepresidente do Casino Mercantil e Ronald Álvarez, responsable do Comité Docente da Federación Galega de Tenis.
Agustín Fernández considerou unha sorte poder acoller en Pontevedra esta sétima edición do Simposium Ibérico de Tenis, para o que colaboran as federacións española, galega e portuguesa de tenis, o Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra e a Universidade de Vigo.
Pontevedra é unha cidade de deportistas, destacou o concelleiro Fernández. E é unha cidade de eventos deportivos. Engadiu que o tenis pontevedrés está empezando a crecer grazas, fundamentalmente, á implicación do Casino Mercantil e Industrial. Grazas a esta institución, titular dunhas magníficas instalacións en Mourente, estreámonos este ano co I Torneo ITF para tenistas en idade junior. Un evento que botou a andar con moi bo nivel e que terá continuidade.
Antonia Blanco anticipou posibles liñas de colaboración do Concello para poñer en valor as actividades que o campus de Pontevedra quere impulsar, tanto en materia deportiva como noutros ámbitos.
Marco Casal falou dos froitos da actividade da sección tenística do Centro Galego de Tecnificación, activa dende 1989, e da necesidade de incrementar o contacto coa sociedade.
Ronald Álvarez puxo en valor a calidade do cadro docente, composto por 10 verdadeiros expertos de España e Portugal. Destacou que os tres maiores técnicos en formación das federacións española, portuguesa e catalá estarán na cidade, o que supón unha oportunidade impagable. Houbo tamén unha alusión aos preparadores físicos, encabezados polo profesor Jaime Fernández, procedente da Universidade alemá de Ruhr-Bochum.
A diferencia doutros deportes, o debate científico do tenis é sempre moi aberto. Os entendidos non teñen maiores problemas en compartir métodos e investigacións. O que falta, destacou Álvarez, son canais nos que expoñelos e enriquecelos. De aí, a oportunidade deste simposio.
Ao longo de dous días falarase da profesión de adestrador, as liñas de investigación, lesións, traballo táctico, detección de talentos, psicoloxía deportiva, a acción de golpeo, desenvolvemento e innovación e preparación física. Para concluír cun debate sobre cara a onde vai a investigación no deporte do tenis.

Máis información na web https://www.congresotenis.es/congresos/2012/Iberico/index.aspx.