Os arquitectos felicitan a Antón Louro polas ordenanzas de Simplificación Administrativa e de Inspección de Edificios

45

A Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos expresou a súa felicitación ao concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, por ter impulsado a tramitación da ordenanza de Simplificación Administrativa para as licenzas de actividade e obras menores, e iniciado os pasos para a ordenanza de Inspección Técnica das Edificacións (ITE).
Louro recibiu hoxe á Directiva dos arquitectos, presidida por Manuel Abelleira, e ofreceu ao Colexio realizar achegas e suxestións a ambos textos legais, mesmo con carácter previo á súa aprobación inicial e exposición ao público.
No que atinxe á ordenanza de Simplificación os arquitectos comprobaron que regula os locais con ata 300 metros cadrados útiles de venda e exposición, o que abrangue a práctica totalidade, coa única exclusión de actividades clasificadas, molestas ou insalubres.
O concelleiro explicou que a concesión das licenzas express (nas que o Concello só comproba a posteriori que o promotor dispón de proxecto técnico e reúne todas as condicións) obriga aos arquitectos á máxima pulcritude á hora de redactar e executar os proxectos. Ao tempo, obrigará ao Concello a un control exhaustivo, unha vez abertos os negocios, para detectar e sancionar aos infractores.
En canto á ordenanza da ITE, o Colexio considera que as inspeccións son unha fonte moi valiosa de información, que ata o de agora non existe, para avaliar o estado de conservación dos edificios do municipio. Hai, recalcaron, inmobles nun estado lamentable. As inspeccións son fórmulas preventivas pensadas para evitar que problemas, moitas veces incipientes, vaian a mais e se produzan situacións de risco.
Louro destacou que en Pontevedra non ten habido accidentes graves, pero basta con que se produza a caída, total ou parcial, dun só edificio, para xerar unha grave alarma social.  Ademais, a ordenanza, lembrou, é unha obriga derivada da lei galega e estatal.
Finalmente, o concelleiro e os arquitectos quedaron en estudar a antigüidade que se esixirá para o pase da primeira inspección (o mínimo legal son 50 anos), así como a súa regularidade, en función da tipoloxía e os materiais construtivos utilizados en cada edificio.