Patrimonio histórico presenta o Plan do patrimonio cultural das parroquias

57

A Casa das Campás acolle esta tarde a presentación das liñas de actuación do Plan do patrimonio cultural das parroquias que está a dirixir a Concellaría de Patrimonio Histórico. Luís Bará, concelleiro responsable do departamento, explicou esta mañá que na presentación estarán as asociacións de veciños, de montes, técnicos, empresas, profesionais do ámbito do patrimonio histórico.

O concelleiro explicou que cando a Concellaría presentou as grandes liñas de actuación o pasado mes de setembro buscábase a máxima colaboración cidadá. En outubro celebrouse a primeira xornada sobre o patrimonio cultural na parroquia de Salcedo, e serviu para iniciar a elaboración do Plan do patrimonio cultural das parroquias, un traballo que se canalizou a través do Consello asesor do Patrimonio, que  logo de facer diversas achegas pode presentarse hoxe. Luís Bará destacou que logo desta presentación pública aínda poden facerse novas achegas, logo de que coñezan o Plan as asociacións e os profesionais.

Luís Bará destacou que con este plan preténdese situar o patrimonio das parroquias dentro da axenda política e tamén contar cun documento que serva de guía para que todas as actuacións se fagan nun marco global. Tamén se quere deixar claro que o Patrimonio non só é unha cuestión de expertos, senón de toda a cidadanía encargada do seu cuidado e disfrute.

O plan pretende ter unha plasmación real nun prazo de cinco anos, de 2012-2016.

As liñas de actuación que propón este Plan son as seguintes:

1. Liña estratéxica. Desenvolvemento de plans e programas integrais sobre o patrimonio que pretende relacionarse con outros plans integrais: de reordenación do monte ou os plans das parroquias. Pero tamén programas específicos e existen varias zonas prioritarias:
a. O Val de Tomeza e Salcedo: no ámbito do Río Batán co Castro das Croas, os muíños do Batán e a arte rupestre.
b. Río Lérez-Almofrei poñendo en valor a Aula aberta do Almofrei.
c. Sete Camiños entre Salcedo-Lourizán.
Tamén se pretende a recuperación da memoria oral, así como da memoria gráfica e audiovisual.

2. Catalogación e protección que consistirá na revisión do catálogo vixente que na actualidade recolle 85 elementos arqueolóxicos (petroglifos, mámoas, metrópoles), pero dende a Concellaría se defende a existencia dalgún máis, de feito nos últimos seis meses o Concello tivo coñecemento de dez novos descubrimentos en distintas parroquias do rural (Mourente, Salcedo, Campañó, Lourizán…). O concelleiro Luís Bará destacou que estas notificacións dan conta dun cambio na actitude da sociedade en relación ao patrimonio cultural.
Nesta catalogación tamén está o ámbito etnográfico, onde a concellaría traballará, inicialmente, nos portos e cruceiros; e o patrimonio inmaterial onde a Concellaría de Normalización xa traballa na recuperación da toponimia local.

3. Conservación e restauración: Trátase da recuperación de aqueles elementos que requiren a conservación polo seu mal estado. A Concellaría propónse determinar nun ano as actuacións prioritarias.
4. Sensibilización e divulgación: Empregaranse os soportes informáticos e as redes sociais. Pero tamén pretende a Concellaría crear unha especie de certame para escoller os 50 conxuntos patrimoniais máis importantes do rural de Pontevedra (incluso o Top Ten).
5. Aproveitamento socioeconómico: Luís Bará defendeu a necesidade de que todo este patrimonio supoña un retorno económico para o municipio ao incrementar as visitas; e ao tempo aumentar o orgullo e a autoestima da parroquia.

Luís Bará asegurou que os recursos e o financiamento vai estar determinado polas circunstancias. “Mobilizaremos recursos técnicos, materiais e económicos contando con distintas institucións, programas europeos e, incluso, a impliación das entidades sociais que poden achegar outro tipo de colaboracións que non sexan diñeiro”, asegurou o concelleiro, quen apuntou que tamén agardan a colaboración do sector privado.

Dentro da programación da Concellaría para este mes está  prevista a visita a Viana do Castelo, o vindeiro 30 de xuño para coñecer diversos núcleos museolóxicos no rural, exemplo de recuperación de patrimonio etnográfico xestionado directamente polas asociacións.

A vindeira semana comezarán os traballos de recuperación do contorno de Ponte Bora, sobre o río Almofrei. En en outono está prevista unha actuación de conservación da mámoa do Campiño, así como o acondicionamento da súa contorna.

Luís Bará explicou que están a traballar no proxecto de Salcedo Patrimonio, dado que é unha parroquia con especiais potencialidades patrimoniais, e que consistirá na excavación do Castro das Croas, a recuperación dos muíños do Batán e a arte rupestre. Un proxecto que se podería sufragar con fodos europeos.

No mes de outubro a Concellaría de Patrimonio Histórico celebrará a segunda xornada do patrimonio no rural nesta ocasión adicada ao “Patrimonio e desenvolvemento rural”.