Campolongo mellora a súa accesibilidade e conserva os espazos públicos

34

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores comprobou esta mañá o desenvolvemento dos traballos de mantemento e reparación dos pavimentos na contorna de Campolongo. Estivo acompañado do concelleiro de mobilidade e accesibilidade, Luís Bará así como da concelleira delegada do barrio, Carmen Fouces.

Nesta visita observouse a mellora do xabre na zona central do parque, a mellora da xardinería e tamén do mobiliario. Colocaronse lousas no lado leste da igrexa para cubrir o anterior pavimento que estaba en mal estado, elimináronse barreiras coa reparación do pavimento do adro da igrexa.

Tamén puideron comprobar a obra realizada pola Brigada de Obras do Concello na reparación de todo o pavimento do Paseo de Valle Inclán, onde se empregaron 20 palés de lousas. Aproveitouse para mellorar os accesos aos colexios é a escola infantil. Tamén se repararon os bancos.

Na contorna de Campolongo pavimentouse o último tramo da rúa San Pedro Alcántara, onde se fixo unha pequena reordenación dos servizos de carga e descarga e de emerxencias e de servizos.

O alcalde destacou que “son obras de accesibilidade e reparación, de pequena contía, pero moi necesarias porque levan moito traballo de xestión, e son difíciles de percibir”. Destacou o cambio substancial que experimentou o barrio de Campolongo nos últimos tempos “coidando os detalles xa que se trata de mellorar a calidade urbana gastando o menos posible porque a situación económica non permite grandes dispendios”.

Estes traballos están incluídos dentro do Plan de conservación e mellora dos espazos públicos co obxectivo de ampliar a súa vida útil, e que están sendo executadas paralelamente pola Brigada municipal de obras e tamén polo contrato público coa empresa E.C.Casas o que implicará un investimento global de 450.000 euros.

Con este orzamento o Concello está a traballar en Campolongo (Praza da Constitución e San Pedro Alcántara), Barcelos, Fernando Olmedo, A Parda (Campo Santo, Conde de Gondomar), Avenida de Buenos Aires (Centro de Adultos), no Paseo de Valle Inclán, Xeneral Rubín, Raíña Victoria, San Antoniño, Avenida da Estación, Avenida da Coruña, Rúa Holanda (Monte Porreiro) ou Rúa Suecia (Monte Porreiro).