O Goberno central anula a subvención para Valentín García Escudero e non informa ao Concello

34

O Goberno do Estado anulou a subvención concedida polo Ministerio de Cultura ao Concello de Pontevedra para a consolidación dos achados do xacemento arqueolóxico da praza de Valentín García Escudero. A contía era de 100.000 euros, un investimento que deberá asumir o Concello ante esta decisión unilateral do Goberno.

Igual de inusual foi a vía pola que o Concello de Pontevedra coñeceu esta semana a decisión do Goberno central. Foi a través dunha resposta a unha pregunta presentada pola deputada do BNG Olaia Fernández Davila sobre os 100.000 euros concedidos para traballos de conservación, arqueoloxía e informes técnicos do xacemento arqueolóxico. Parte destes traballos son imprescindíbeis para proceder á cubrición do xacemento, tal como anunciou o Concello fai dous meses.

Este contratempo obriga ao Concello de Pontevedra a asumir con fondos propios os traballos de consolidación e restauración de estruturas da ponte, así como a datación e conservación das estruturas de madeira do peirao medieval.

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, lamenta esta decisión unilateral do Goberno do Estado, de anular unha subvención que contaba con unha partida nominativa nos Orzamentos do Estado. O concelleiro tamén considera “inusual”  que tivese que obter esta información vía pregunta parlamentaria, despois de infrutuosas xestións ante o Ministerio de Cultura ao longo de máis de tres meses.

A resposta do Goberno á deputada do BNG foi a seguinte:

“Los Presupuestos Generales del Estado de 2011 incluyeron una subvención de 100.000 euros al Ayuntamiento de Pontevedra para la realización de estudios de conservación de materiales muebles y estruturas inmuebles y otros informes científico-técnicos del conjunto arqueológico.

Informada favorablemente la concesión de la ayuda en el Ministerio de Cultura, se remitió al Ayuntamiento propuesta de resolución, que fue aceptada en el consistorio. Sin embargo, el Ministerio de Cultura no llegó a formular la resolución definitiva porque la subvención no fue autorizada por el Ministerio de Economía y Hacienda. Por este motivo, al no tener resolución y, por tanto, no tener compromiso firme, no se pudo terminar su tramitación ni proceder al pago y por lo tanto los trabajos previstos no se han realizado”.

O Concello continúa co proxecto

A pesar deste contratempo, a Concellaría do Centro Histórico do Concello de Pontevedra segue adiante co proxecto de cubrición do xacemento arqueolóxico de Valentín García Escudero, cuxo custe se verá incrementado pola necesidade de asumir con fondos municipais as actuacións de restauración, conservación e arqueoloxía que ían a cargo da subvención consignado nos orzamentos do Estado de 2011.

Neste momentos o Concello dispón dun proxecto de cubrición valorado nuns 200.000 euros. A actuación inclúe a colocación de xeotextil, o recheo con uns 2.500 metros cúbicos de area, capa de terra vexetal fertilizada, céspede, sendeiros e instalación de rego automático. Este proxecto ten que ser complementado coa memoria dos traballos de arqueoloxía e restauración, que deberá asumir integramente o concello.

Este proxecto será enviado á Dirección Xeral de Patrimonio neste mes de xuño e unha vez aprobado pola administración autonómica, comezaranse os traballos de cubrición e acondicionamento do espazo arqueolóxico.