Aberto o prazo para solicitar a realización de fogueiras durante a noite de San Xoán

54

Xa está aberto, dende o pasado venres, o prazo para solicitar ao Concello a celebración das tradicionais fogueiras de San Xoán. Estará aberto ata o próximo mércores, día 20, ás 13 horas.
A Concellería de Urbanismo e Disciplina Urbanística autorizou un formulario específico de solicitude que, no seu envés, inclúe as cinco condicións que deben cumprir todos os solicitantes. O departamento municipal recalca a obriga de cumprir estas instrucións, ditadas para garantiren a protección e seguridade en conciliación co lecer cidadán.
As condicións para obter autorización son:
1º.- Presentación no Rexistro Xeral do Concello da solicitude de celebración da fogueira, facendo constar os seguintes datos das persoas que organizarán o acto e faranse responsables do mesmo:
– Nome e apelidos, D.N.I.
– Enderezo e coñecemento do teléfono do Servizo Municipal de  Extinción de   Incendios 080, Policía Local 092 e Protección Civil 986 871 188.
– Compromiso de dispor no acto dun teléfono móbil en pleno funcionamento, con indicación na solicitude do seu número.
– Coa documentación achegarase copia do D.N.I. dos responsables.
    
2º.- As fogueiras terán que distar un mínimo de 15 metros ós edificios e árbores.
O diámetro máximo de zona de combustión da fogueira será de 4 metros de ancho cunha altura máxima de 2 metros. Os asistentes non poderán concentrarse a unha distancia inferior á do ancho da fogueira respecto do perímetro exterior da mesma.

3º.- Os materiais a empregar na combustión serán leña, polas, toros de árbores e vellos materiais de madeira de calquera clase.
Prohíbense os neumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con P.V.C. en xeral, e similares, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles e/ou calesquera substancias explosivas. Lémbrase que un bote de aerosol, aínda baleiro, pode orixinar unha explosión importante.
Prohíbense as fogueiras baixo tendidos eléctricos, telefónicos, etc.

4º- Prohíbese a realización de fogueiras sobre vías públicas pavimentadas, xardíns ou zonas verdes en xeral.

5º.- A organización terá que acatar as normas ou instruccións que poidan ditar os Axentes dos Corpos da Policía Local ou do Corpo de Bombeiros.

As fogueiras de San Xoán autorízanse en virtude do Bando da Alcaldía do pasado 6 de xuño no que se convida a tódolos veciños a gozar da festa desa noite.