A Concellería de Promoción Económica examinará a Praza de Abastos “de arriba a abaixo”

74

A realización dun estudo de Diagnóstico da Praza de Abastos foi o principal anuncio realizado hoxe pola concelleira de Promoción Económica, durante unha intensa sesión da Mesa Local de Comercio, celebrada hoxe no Concello. O estudo analizará, un por un, o traballo dos funcionarios do equipo de Administración e dos máis de 80 concesionarios da instalación municipal.
Na sesión, cunha duración dunha hora e 40 minutos, Román anunciou que quere examinar o funcionamento do Mercado “de arriba a abaixo” para coñecer, cun informe profesional, imparcial e sistemático, as súas fortalezas e debilidades. O estudo foi encargado a unha consultora especializada e terá un custo de 6.000 euros.
Román quere saber o “grao de cumprimento” da lexislación vixente, dos regulamentos e das cláusulas das concesións. Prestarase especial atención, entre outras, ás cuestións de seguridade alimentaria, atención ao público, xestión medioambiental e prevención de riscos laborais. Para elo haberá xuntanzas individuais tanto cos funcionarios como cos responsables dos postos de venda. De cada unha elaborarase un acta. A consultora entregará un informe final con análise da información recollida, memoria/informe e unha valoración dos resultados.
A concelleira socialista anunciou tamén o próximo comezo dunha auditoría enerxética que explorará a optimización dos sistemas de iluminación (con medidas como a substitución de lámpadas, instalación de temporizadores, optimización da luz natural ou sistemas de  regulación),  refrixeración (coa instalación de sistemas variadores de frecuencia en compresores),  envolvente térmica (con actuacións sobre as  carpinterías e elementos do cerramento) e  finalmente, a auga (con aireadores e perlizadores).
Carlota Román destacou que trátase de dúas actuacións paralelas destinadas a analizar profundamente o Mercado co obxectivo de sentar as bases para recuperar o pulo que tivo noutros tempos. Destacou que esta instalación é unha das súas prioridades e quixo subliñar que hai que ver o futuro con optimismo, pero sen renunciar a recoller as críticas construtivas que podan contribuír a remover as barreiras que impiden avanzar.
Entre os principais obstáculos advertiu sobre a existencia de dúas asociacións de concesionarios/as. A concelleira instounas a poñerse de acordo e mesmo a unificarse. Vivimos nuns tempos distintos, cunha crise económica atroz. Hoxe é urxente remar todos na mesma dirección. Xa está aquí un presente no que é imprescindible modernizarse e buscar novas fórmulas para a relación co cliente. Hai que atraer a un público máis novo, que agora non vai á Praza a pesar de que alí atopamos un produto de magnífica calidade e a bo prezo.  A idea de que “papá-Concello” debe resolver todos os problemas indefinidamente acabouse e se as praceiras/os non tiran da Praza, lamentablemente a Praza non terá futuro.
Durante o debate, no que recibiu un apoio absoluto dos integrantes da Mesa Local de Comercio, a concelleira socialista puxo sobre a mesa as contas da Praza de Abastos, onde hai uns gastos anuais de case 396.000 euros e uns ingresos que non chegan aos 183.000 euros. O déficit anual é de 213.000 euros, que, subliñou, hai que dicirlle claramente aos pontevedreses que saen dos seus petos. A Praza debe ser sostible, recalcou Román, e con estas cifras na man non caben desculpas.
Anticipou que hai moitas propostas para reconvertir o primeiro andar do edificio, pero non se fará nada ata que a Praza se reordene e os poucos concesionarios que quedan na parte de arriba, podan ser trasladados ao andar baixo nun ambiente de consenso. É imprescindible un acordo global entre o ata o de agora dividido colectivo de concesionarios. Cómpre esquecer individualismos e personalismos e “facer os deberes”, remachou. É un tema que estou levando con moita paciencia, confesou Carlota Román, e haberá que botarlle a que faga falta.

INFORME DE XESTIÓN

Por outra banda, Carlota Román presentou un informe de xestión do departamento que dirixe. O documento detallou os obxectivos e resultados de cada unha destas actividades. Obradoiros de Comunicación, Redes Sociais e Marketing on line, concursos de escaparates e de tapas, campaña de aforro de auga, auditoría enerxética no Mercado de Abastos e convenios con Aempe e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental forman o balanzo de actividades da Concellería de Promoción Económica a prol do comercio pontevedrés no que vai de ano.
O I concurso de escaparates PonteenFlor acadou a participación de 32 establecementos e xerou un total de 1.530 votos entre o público participante no certame.
A campaña de  aforro no consumo de auga “Cada gota conta” consistiu no reparto de 1.000 perlizadores entre o sector hoteleiro e hostaleiro.
A cuarta edición do concurso PontedeTapas concluíu hai escasos días cun resultado dunhas 34.000 tapas vendidas. Nos próximos días darase a coñecer a identidade dos gañadores e sortearanse os premios entre o público participante.
Finalmente, Carlota Román deu conta dos convenios que a Concellería de Promoción Económica vai asinar con Aempe e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
A Mesa Local de Comercio foi constituída o pasado mes de decembro no Concello de Pontevedra en cumprimento da Lei de Comercio de Galicia. Trátase do órgano colexiado asesor da política municipal nesta materia. Está constituída por 17 membros entre os que figuran os grupos políticos e os técnicos municipais, un representante da Xunta de Galicia e representantes da Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa (Aempe), Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Asociación de Profesionais da Praza de Abastos, Asociación de Usuarios da Praza de Abastos, Asociación Provincial de Amas de Casa e Consumidores Rías Baixas, Federación Provincial de Comercio e Cámara de Comercio.