A ponte das Correntes inaugurarase o 22 de xuño

78

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera informou esta mañá que a inauguración da Ponte das Correntes será o vindeiro venres, 22 de xuño, en torno ás 20.00 horas. Esta mañá os técnicos municipais fixeron unha visita ás obras da ponte e concluíron que poderá inaugurarse e abrirse ao tráfico a partir do día 22.

César Mosquera manifestou que o Concello convidará ao presidente da Xunta, á ministra de Fomento, ao conselleiro de Infraestruturas, ao presidente da Deputación, a toda a Corporación municipal e tamén a toda a cidadanía.

Aínda que os detalles da inauguración están sen pechar, si está previsto vincular a inauguración da ponte coa celebración do Día da música, polo que existen contactos cos múltiples grupos de música para poder unir ás dúas celebracións. Tamén se prevé deixar transitar pola ponte aos cidadáns que se acheguen á inauguración, especialmente polos carrís de tráfico que só poderán visitar nesas horas que estean abertos aos peóns; logo só serán transitados polos vehículos.

César Mosquera explicou que a inauguración non implicará cambios de tráfico “porque non se ve necesario facer un cambio de tráfico inmediato. A cuestión máis importante é mellorar a accesibilidade de peóns na ponte da Barca, e é un tema que está en negociación coa Consellería”.