O Concello pon en marcha un plan de inspección para a actualizacións dos padróns e de loita contra o fraude fiscal

64

O Concello de Pontevedra pon en marcha un Plan de inspección de loita contra o fraude co que pretende recadar 1,8 millóns de euros entre este ano e o 2013. O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González explicou que “as administracións públicas para subsistir precisan ingresos, e temos que buscar todos os nichos onde poida haber bolsas de persoas ou propiedades que non pagan impostos”.
Á hora de explicar este plan, Raimundo González non quixo entrar a xulgar os motivos particulares de cada persoa ou empresa, simplemente asegurou que este plan pasa pola actualización de padróns e a loita contra o fraude nos impostos IBI, IAE e no uso do espazo público por parte das empresas oligopolísticas (o denominado imposto do 1.5%) de electricidade, gas e telefonía fixa. As previsións municipais son recadar entre este ano e o que vén 1,8 millóns de euros.
En relación ao IBI, Raimundo González explicou que o Concello asinou recentemente un convenio co Catastro polo que o Concello daría as altas. Para actualizar este padrón contratou unha empresa que xa iniciou o seu traballo e que podería detectar 964 propiedades que non están regularizadas catastralmente ben porque son novas vivendas, porque son ampliacións ou rehabilitacións que non foron dadas de alta…). O Concello estima que poderá dar 289 novas altas e 675 ampliacións ou rehabilitacións.
Do traballo realizado até o de agora, xa se inspeccionou a totalidade da parroquia de Lourizán onde se fixeron 125 expedientes. E xa se comezou coa parroquia de Salcedo onde se fixeron 71 expedientes até o de agora.
O traballo é ir casa por casa coas follas catastrais para cotexar estes datos. No 90% dos casos non existe ningún tipo de problema e o Concello está a detectar que hai moitos veciños que quixeron regularizar a súa situación e nunca chegaron a poder facelo por distintas trabas de carácter administrativo. Raimundo González explicou que as irregularidades non son só de particulares senón tamén de administracións que non teñen ben regularizadas as súas propiedades.
Con esta actualización do IBI, podería incrementar a recadación en 1,3 millóns de euros.
Ao respecto do IAE, imposto abonado polas empresas que facturan máis dun millón de euros, o Concello xa contratou a unha empresa que irá cotexando se os parámetros destas empresas (número de traballadores, potencia eléctrica, superficie…) co obxectivo de detectar aquelas que están tributando ao IAE menos do que lles corresponde por lei. O Concello ten a previsión de recadar pola actualización deste tributo uns 300.000 euros. O IAE supón ao Concello 1,7 millóns de euros ao ano.
Sobre o imposto ás empresas oligopolísticas, teñen que pagalos aquelas empresas que teñen un uso do solo e do subsolo, e deberán abonar o 1,5% da súa facturación no municipio. O Concello xa contratou a unha empresa para facer esta inspección xa que a día de hoxe se estima que estas empresas están a pagar entre un 15 e un 20% menos do que lles corresponde. Finalmente o Concello poderá recadar por este concepto uns 200.000 euros.
Raimundo González explicou que “nesta circunstancia de crise económica, máis que incrementar os impostos aos contribuíntes, o Concello pretende que afloren aquelas bolsas de fraude que detecte ou correxir todos os defectos que poida haber nos padróns dos impostos”.