A Concellería de Educación celebra o comezo das obras no colexio Froébel, aínda que sexa con tan avultado atraso

33

O substancial atraso co que se van acometer as obras da primeira fase da reforma do colexio Froébel non impide a satisfacción da Concellería de Educación polo feito de que, por fin, a Xunta vai comezar unha actuación longamente demandada dende a comunidade educativa, diante do deterioro que presenta o edificio.
O concelleiro, Agustín Fernández, participou hoxe nunha visita, xunto con técnicos municipais, invitado polo xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares. A visita estivo presidida polo delegado territorial, José Manuel Cores Tourís. Tamén asistiron os concelleiros do PP, Jacobo Moreira e María José Rodríguez.
Fernández segue a estar preocupado polo momento en que comezarán as obras. O atraso na licitación impedirá a previsión inicial de que os traballos se executen durante as vacacións escolares. Cores Tourís confirmou que non poderán arrancar ata mediados ou finais de agosto, coincidindo así co calendario estimado polo Concello en base aos prazos legais no proceso de licitación. As obras, que teñen un prazo de execución de catro meses, coincidirán, por tanto, coa actividade docente.
Cores Tourís anunciou que as obras executaranse todo o posible en horario de tarde e especulou coa posibilidade de reducir o prazo de execución.
O concelleiro de Educación pontevedrés confía en que as medidas de seguridade anunciadas hoxe para compatibilizar obras e clases sexan efectivas. Ao mesmo tempo subliñou a importancia de que a segunda e terceira fase das obras se executen sucesivamente e sen paróns. A este respecto os responsables da Xunta indicaron que se farían “en función das dispoñibilidades”.
Finalmente, Agustín Fernández anunciou que o Concello está a impulsar a licenza municipal de obras, que estivo paralizada máis dun ano por falta dun informe preceptivo e vinculante da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Anunciou que o proxecto xa está a informe do arquitecto municipal, pero reclamou da Consellería de Educación que resolva canto antes o problema administrativo derivado da falta de pago da taxa municipal pola tramitación de licenzas.