“Monte Porreiro Convida” descubre os tesouros naturais do barrio e dos salóns do Lérez

67

A Concellaría de Patrimonio e de Xestión Territorializada que xestiona Luís Bará inicia a vindeira semana diversas actividades enmarcadas dentro do programa “Monte Porreiro Convida” en relación á posta en valor e difusión da riqueza dos espazos naturais do barrio e da rede natura dos salóns do Lérez.

O programa “Monte Porreiro Convida” ten por obxectivos reforzar a identidade colectiva do barrio e o sentimento de pertenza por parte dos veciños e veciñas; promover o orgullo e a autoestima dos residentes arredor de elementos singulares do barrio, da historia e dos proxectos de futuro; favorecer a cohesión social, a convivencia e o espirito comunitario creando tecido social (espazos de relación, redes sociais) fomentando o asociacionismo, incrementando os niveis de participación cidadá; actuar como factor de mobilización de recursos e de dinamización social.

A programación prevista para o xoves, 21 de xuño é a seguinte:

• 10 horas Conferencia e visita guiada ao Miradoiro, Xardíns da UNED e aos Salóns do Río Lérez (Rede Natura) para alumnado de 5º e 6º do Colexio Marcos da Portela. A actividade iníciase no colexio con unha charla impartida por Manuel Domínguez, de Ventos Estudios Ambientais.
• 17 horas Visita guiada aos espazos naturais de Monte Porreiro (Miradoiro, Xardín Botánico da UNED, Rede Natura Río Lérez) e recollida de herbas de San Xoán. Sairá un bus ás 5 da tarde da parada do bus turístico na rúa Alameda para recoller os participantes (a actividade vai dirixida a persoas que participaron nas actividades das andainas, natureza nos camiños…). As persoas interesadas deben inscribirse na Oficina de Medio Ambiente Natural ata o mércores día 20. Número máximo de asistentes: 40 persoas.
• 19 horas Visita guiada aos espazos naturais de Monte Porreiro e recollida de herbas de San Xoán. Saída ás 19 horas do Miradoiro de Monte Porreiro (acceso rúa Francia). As persoas interesadas deben inscribirse na Casa de Cultura de Monte Porreiro, telf. 986 896656. Prazo de inscrición: ata mércores día 20. Número máximo de asistentes: 40 persoas.