Adiántase o horario de inauguración da Ponte das Correntes

56

A Ponte das Correntes inaugurarase este vernes, ás 17.30 horas segundo informou esta mañá o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera quen tamén engadiu que confirmaron a súa asistencia o presidente da Deputación, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e o presidente da Xunta. Precisamente, o cambio de horario débese a axustar a inauguración coa axenda do presidente Feijóo.

O convite tamén se curso á ministra de Fomento, Ana Pastor quen chamou ao alcalde para excusar a súa presenza dado que na fin de semana estará fóra, pero valora a posibilidade de enviar a alguén a esta inauguración en representación do Goberno do Estado.

Aínda que o protocolo aínda está por pechar está previsto que as autoridades presentes se dirixas aos asistentes e se compaxine coas actuacións da Banda de Música de Pontevedra, do Seminario Permanente de Jazz e cunha actuación da escola de danza contemporánea.

Cabe lembrar que o Concello decidiu unir a inauguración da ponte cos actos de conmemoración do Día Internacional da Música previstos na cidade.

A asociación cultural Taburete, da Zona Monumental, tamén quere colaborar coa inauguración da ponte e está previsto que se bote unha embarcación realizada  pola asociación totalmente con bricks.

César Mosquera explicou que a previsión é abrir a ponte ao tráfico rodado ese mesmo día, probablemente, horas despois da inauguración.