Arranca Ponteverán!

56

O programa Ponteverán dará comezo ás súas actividades a partir desta fin de semana, cunha ampla programación de actividades de tempo libre para a mocidade durante os meses de xullo e agosto.

Onte tiveron lugar os sorteos de prazas para os campamentos máis demandados. No campamento de tempo libre en Quiroga para 50 nenos e nenas de 9 a 14 anos, sorteáronse 40 prazas xa que 10 se reservan para familias usuarias dos servizos sociais municipais. En reserva quedaron outras 44 persoas. Este campamento terá lugar no Caurel do 6 ao 15 de xullo. O día 28 ás 19,30h. celebrarase no Pazo da Cultura unha reunión  previa ao campamento onde a organización informará ás familias do programa de actividades, das instalacións, horarios de desprazamento, e se farán unha serie de recomendacións para a hora de preparar a equipaxe.

No campamento polideportivo, outro dos máis demandados, sorteáronse 50 das 60 prazas (novamente 10 se reservaron para familias usuarias dos servizos sociais). Neste caso a listaxe de agarda foi máis reducida e quedaron tan só 8 nenos/as sen praza. Este campamento terá lugar a primeira semana de agosto e desenvolverase en diferentes instalacións deportivas municipais.

Por outra banda, o resto de inscricións de campamentos continúa aberta e das 50 prazas para cada un dos campamentos urbanos quedan aínda prazas dispoñibles, máis na segunda quenda que na primeira. No caso do campamento de Salcedo sucede o mesmo, das 30 prazas dispoñibles aínda quedan a metade sen cubrir.
Os campamentos urbanos utilizarán como centro de operacións o CEIP Álvarez Limeses, cedido para acoller 2 quendas no mes de xullo de 50 nenos e nenas cada unha. En total serán 100 nenos/as os/as que pasarán durante o mes de xullo por estes campamentos en horario de mañá de 10 a 14h. e que inclúen unha acampada dunha noite e dous días para iniciar aos máis pequenos na experiencia de pasar unha noite fóra da súa casa. A primeira quenda iniciarase o luns 2 de xullo e a segunda o día 16.

En canto aos cursos, xa non quedan prazas dispoñibles nos cursos de Clown, iniciación á Fotografía, iniciación á Informática e para o de Produción de eventos musicais. As persoas interesadas nestes cursos poden anotarse nunha lista de agarda por se se producen baixas nas inscricións, chamando directamente á Oficina de Xuventude ao 986840367 en horario de mañá ou mandando un mail a xuventude@pontevedra.eu

Tamén quedan prazas para equipos de fútbol que queiran participar no IV Torneo de fúlbol 7 Ponteverán-Cafyd que terá lugar nos campos de herba sintética da Xunqueira os días 14 e 15 de xullo. As categorías son: cadete masculino, xuvenil masculino, senior masculino, categoría agrupada feminina. A inscrición de cada equipo é de 30 €.
Aínda quedan prazas dispoñibles para as actividades de Orientación, iniciación á Escalada, maratón fotográfico "A Moureira enlouquecida" , para as rutas en kaiak de mar e os cursos de iniciación ao piragüismo para nenos/as en Ponte Sampaio.

A Concellaría de Xuventude lembra que Ponteverán mantén aberto o prazo de inscrición para as actividades que aínda non cubriron as súas prazas. Pódese consultar a programación na web www.ponteveran.info ou chamando á Oficina de Xuventude ao 986 840367 situada na Casa Azul, rúa Sor Lucía, 2, 3º andar en horario de mañá de 8,30 a 14,30h.

Cabe mencionar que todas as actividades do programa Ponteverán contan con cotas populares moi reducidas e descontos importantes para familias numerosas, familiares directos e mozos/as con Carné Xove. Ademais de reservarse, como cada ano, un 10% das prazas para familias usuarias dos Servizos Sociais municipais.