A concelleira Carlota Román presenta en pantalla grande os vídeos da campaña turística da cidade en salas de cine de toda España e na Internet

91

Pontevedra namora aos seus veciños, pero, a partir de agora, declara tamén formalmente as súas intencións aos visitantes. “Pontevedra es un amor” son dous vídeos, deseñados en versión curta para a súa proxección en cines do Norte de España, e estendida para a súa distribución a través da Internet. A campaña foi presentada hoxe pola concelleira de Turismo, Carlota Román García, nun acto celebrado nunha das salas de Cinebox-Vialia Pontevedra.
Unha rapaza que visita a cidade, que recorre os seus recunchos gozando das sorpresas da arquitectura e da paisaxe nunha experiencia emocional, constitúe o guión dun traballo moi ambicioso que está complementado coa produción de imaxes fixas para a promoción en mobiliario urbano de Portugal e áreas de chegada dos principais aeroportos do Noroeste da península. O vídeo e a imaxe fotográfica está a cargo de Víctor Moreno.
Carlota Román afirma que trátase da campaña turística máis ambiciosa da historia de Pontevedra. A utilización de formatos novidosos e soportes imaxinativos poderá facer chegar a imaxe dunha cidade que namora a un público mínimo dunhas 750.000 persoas.
A campaña comezará en cines este venres, día 22. O “spot”, de 30 segundos, proxectarase en 422 salas de cine con cobertura en 19 provincias. Calcúlase que poderán velo unhas 250.000 persoas. Madrid, Zaragoza, Almería, Cádiz, Málaga, Barcelona, Álava, Bilbao, Oviedo, Xixón, Logroño, Albacete, Alacante, Valencia, A Coruña, Vigo, Lugo, Ourense, Fuerteventura, Las Palmas e Tenerife son algunhas das localidades e provincias incluídas.
Carlota Román optou polo cine como vía publicitaria porque atrae a un público urbano, cun poder adquisitivo medio ou medio-alto e que encaixa perfectamente no perfil de visitante que Pontevedra aspira a atraer. Por outra banda, a publicidade no cine proxéctase nunhas condicións ambientais e técnicas que conseguen máximos impactos publicitarios.
En paralelo á promoción en cines, “Pontevedra es un amor” estará moi presente no mobiliario publicitario (MUPI) de 38 cidades portuguesas, cunha cobertura que inclúe a práctica totalidade do país.
A campaña chegará tamén aos aeroportos de Santiago de Compostela, Vigo, Santander e Porto. A imaxe estará en soporte MUPI entrecintas, en tamaño 1,20×1,80 centímetros, nas zonas de chegada das terminais durante dous meses. Os elementos estarán retroiluminados ea dúas caras para garantir a máxima visualización. Segundo datos de Aena, estímase que unhas 300.000 persoas poderían ver os impactos.
Finalmente, a campaña é especialmente ambiciosa na Internet, onde se vai poñer en marcha unha estratexia para que o vídeo se traduza no referente turístico da cidade nos motores de busca, indo máis alá dunha campaña efémera. O obxectivo é acadar uns 100.000 impactos antes  de que remate o verán.
Para elo haberá versións para pantalla de ordenador, optimizadas para Windows e Mac, pero tamén unha versión específica para móbiles, optimizados para Android e iPhone. A aposta polos “smartphones” é unha das características nucleares da estratexia na rede, xunto cunha decidida aposta pola difusión a través das redes sociais, incluíndo os principais portais de formato vídeo. Versións específicas para cada rede, incluíndo Youtube, Vimeo e Google Video garantirán unha rápida difusión. O vídeo será tamén descargable dende o portal www.visit-pontevedra.com e tamén será distribuído a través de portais e webs especializadas, entre elas www.galiciaparaelmundo.com, que recibe visitas dende máis dun cento de países.