“Monte Porreiro ConVida” descubre os tesouros naturais do barrio e dos salóns do Lérez

61

A Concellaría de Patrimonio e de Xestión Territorializada que xestiona Luís Bará continúa mañá coa programación de Monte Porreiro ConVida coas visitas guiadas previstas aos espazos naturais do barrio e da rede natura dos salóns do Lérez.

A programación prevista para mañá é a seguinte:

• 10 horas Conferencia e visita guiada ao Miradoiro, Xardíns da UNED e aos Salóns do Río Lérez (Rede Natura) para alumnado de 5º e 6º do Colexio Marcos da Portela. A actividade iníciase no colexio con unha charla impartida por Manuel Domínguez, de Ventos Estudios Ambientais.
• 17 horas Visita guiada aos espazos naturais de Monte Porreiro (Miradoiro, Xardín Botánico da UNED, Rede Natura Río Lérez) e recollida de herbas de San Xoán. Sairá un bus ás 5 da tarde da parada do bus turístico na rúa Alameda para recoller os participantes (a actividade vai dirixida a persoas que participaron nas actividades das andainas, natureza nos camiños…). As persoas interesadas deben inscribirse na Oficina de Medio Ambiente Natural ata o mércores día 20. Número máximo de asistentes: 40 persoas.
• 19 horas Visita guiada aos espazos naturais de Monte Porreiro e recollida de herbas de San Xoán. Saída ás 19 horas do Miradoiro de Monte Porreiro (acceso rúa Francia). As persoas interesadas deben inscribirse na Casa de Cultura de Monte Porreiro, telf. 986 896656. Prazo de inscrición: ata mércores día 20. Número máximo de asistentes: 40 persoas.


Cabe lembrar que o programa Monte Porreiro ConVida ten tres obxectivos: promover a identidade e o sentimento de pertenza na veciñanza; dar o coñecer os equipamentos, espazos e servizos con que conta o barrio en material educativa, social, deportiva, cultural, empresarial, espazos naturais, etc; impulsar a dinamización sociocultural do barrio.

Monte Porreiro ConVida está impulsado polo Concello de Pontevedra e o Consello Territorial de Monte Porreiro e conta coa participación das entidades veciñais do barrio:
• Asociación Veciñal O Mirador
• ANPA do colexio Marcos da Portela
• ANPA do colexio Fina Casalderrey
• ANPA do IES Luís Seoane
• Asociación Cultural A Fietiña


Tamén conta coa colaboración doutras entidades, institucións e empresas que se irán sumando ao longo do tempo nos diferentes programas que se van desenvolver.

Monte Porreiro ConVida comezou este pasado martes cun acto celebrado nos Xardíns da Uned en relación ao ensino público. Foi un acto sobre a oferta de ensino público do barrio desde os 0 anos á Universidade ao que están convidados representantes das direccións dos centros, ANPAs, asociación de veciños e representantes institucionais do Concello de Pontevedra e da Consellaría de Educación.

A finalidade deste acto foi dar a coñecer a ampla oferta educativa do barrio, a calidade e bo facer dos centros educativos, e a importancia de manter e potenciar o ensino público como factor de cohesión social e equidade nestes tempos en que se agrandan as diferenzas sociais e se incrementa a exclusión social.

Ademais, a concellaría tamén programou unha xornada de convivencia e de lecer no Miradoiro para este sábado, que tivo que ser aprazada para o vindeiro  vernes, 29 de xuño.

O programa Monte Porreiro ConVida vaise desenvolver de forma continuada, centrando a atención en diversos temas: espazos naturais, actividades socioculturais, equipamentos e servizos, iniciativas empresariais, exposicións, excursións, etc.