Benestar pon en marcha o Banco de libros de texto

92

A Concellaría de Benestar Social Municipal, que xestiona Carmen Fouces, acaba de pór en marcha o Banco do libros de texto a través da Redeaxuda. Trátase dun novo proxecto de reutilización de libros de texto vixentes mediante a creación dun banco de libros de texto. O obxectivo é aliviar as economías familiares para o vindeiro curso escolar e reutilizar aqueles libros que aínda están en bo uso.

O funcionamento deste Banco de libros de texto será o seguinte:
• As familias deixarán nos centros os libros de texto vixentes cunha antigüedade máxima de catro anos
• Cubrirán un documento no que figurarán os libros que donan e os que solicitan.
• A data límite para a donación de libros é o 6 de xullo.

Dende aí, o Concello recollerá os libros e as peticións das familias nos centros e, fará os lotes que se repartirán en setembro.

Os criterios para beneficiarse deste programa serán:
1. As familias usuarias dos Servizos Sociais e conten cos informes favorables para a adxudicación de libros.
2. As familias que máis libros donaron, recibirán un punto por libro
3. As familias con máis fillos, recibirán un punto por fillo.

Os libros teñen que estar vixentes para o curso 2012/13 e teñen que estar en bo estado. Só se poden donar libros a partir de terceiro de Primaria, dado que os libros non poden estar escritos.

O Banco de libros de texto ponse en funcionamento hoxe mesmo e toda a información colgarase na web www.redeaxuda.com

Para pór en marcha este programa, a Concellaría de Benestar Social Municipal está en contacto con todos os centros de ensino do concello, coas Anpas e direccións de centros.