O Concello de Pontevedra foi o escenario elixido polos presidentes do Baloncesto Base Pontevedra, Luis Villamil e do Estudiantes dos Institutos de Pontevedra, Miguel Barreiro, para anunciar a fusión das dúas estruturas para dar lugar ao club Estudiantes Pontevedra. O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, apadriñou o anuncio, que cualificou como unha das mellores novas do ano.
O titular da Concellería non aforrou eloxios ao que cualificou como “un proxecto ilusionante que nace para a consolidación en Pontevedra dun deporte tan importante como o baloncesto”. Fernández gabou o esforzo das dúas directivas para superar os persoalismos e individualismos tan típicos e tópicos en Pontevedra e que, engadiu, son especialmente acentuados nalgunhas ramas deportivas.
Non dubidou en aproveitar a ocasión para trasladar a mensaxe de que este é o camiño que a Concellería de Deportes ve nuns tempos tan complicados como os actuais e nos que, lamentablemente, todo indica que a dispoñibilidade de recursos económicos vai seguir reducíndose. Sempre se di que da unión nace a forza, continuou, e neste caso é especialmente certo, porque falamos dunha unión cociñada a fogo lento.
O novo club contará cunhas 300 fichas de xogadores dende categoría benxamín a senior. Disporán de 18 equipos e un corpo técnico formado por 20 adestradores e un preparador físico. A nova directiva será “paritaria” entre compoñentes das dúas actuais e estará presidida por Miguel Barreiro e vicepresidida por Luis Villamil. Finalmente, desvelouse que a nova camiseta será branca e azul mariño, as cores da bandeira de Pontevedra.
Miguel Barreiro anunciou que nace un club cos pes na terra. Parten co dobre obxectivo de acoller a todos os rapaces pontevedreses que queiran xogar baloncesto e, por outra parte, ir consolidando a medio prazo (nuns catro ou cinco anos) un equipo sénior competitivo. Luis Villamil destacou que o equipo sénior pode comezar en categoría zonal, aínda que non descartan, se as condicións económicas o permiten, a autonómica. O bo nivel do equipo cadete e a colleita de xuvenís permiten ser optimistas.
A idea da fusión naceu grazas aos Xogos do Eixo Atlántico, nos que os directivos comprobaron que os nenos de ambos equipos convivían en harmonía. De aí a unha conversa nunha cafetería e, tempo despois, chegou o anuncio oficial no Concello.
Luis Villamil sumouse á estratexia de traballar cos pes na terra e apuntou claramente ao modelo a seguir que é, na súa opinión, a Sociedade Ximnástica de Pontevedra, un equipo moi ben xestionado, que obtén uns éxitos deportivos impresionantes e que toma sempre decisións baseadas nas súas posibilidades económicas.
Inicio Sin categoría