Carlota Román entrega os vales para as viaxes a Punta Cana, Madeira e Tenerife aos premiados en PontedeTapas

118

Superada a incredulidade do primeiro momento, os afortunados gañadores no sorteo realizado entre os clientes da cuarta edición de PontedeTapas recolleron hoxe os seus premios da man da concelleira de Promoción Económica e Turismo, Carlota Román García, e do representante da asociación de Hostaleiros de Pontevedra (Hoaspo), Modesto Refojo.
Os máis felices, os tres gañadores das viaxes dunha semana para dúas persoas á República Dominicana, Madeira e Tenerife. Algún deles mesmo tomou a chamada de Turismo de Pontevedra como unha broma radiofónica. “Estaba a durmir o sábado pasado, aínda non me soara o espertador e chámanme para dicir que marcho gratis a Punta Cana!”, escusouse. Parecida sensación a da galardoada coa viaxe a Madeira. “Estou no paro e vou casar este verán, así que venme de marabilla!”.
A última anécdota foi a dun dos gañadores das escapadas termais de fin de semana. Ian Harrison, un australiano adicto (nas súas propias palabras) ao Camiño de Santiago. En 2007 fixo o Camiño Francés e xa daquela visitou Pontevedra. Desta volta optou polo Camiño Portugués, fixo parada na cidade coincidindo con PontedeTapas e non dubidou en gozar da gastronomía local.
Carlota Román destacou que o concurso de tapas é sempre un éxito. Crece a cada edición que se celebra e, desta volta, a pesar da crise logrou vender 34.000 pinchos, motivo que xustifica que a Concellería se sinta satisfeita cos resultados. A concelleira socialista expresou o seu desexo de que poda celebrarse a quinta edición este inverno.
A viaxe para dúas persoas e 7 días a Punta Cana, en réxime de Todo Incluído, foi para Laura Garre Rodas, unha estudante de Deseño e Moda de Pontevedra.
Viaxe para dúas persoas a Madeira, sete días, en réxime de Aloxamento e Almorzo, para Sonia Blázquez Rodríguez, de Pontevedra.
Viaxe a Tenerife para dúas persoas, sete días, en réxime de Media Pensión, para Santiago Abreu Garrido, tamén de Pontevedra.
As escapadas de fin de semana a un balneario foron para Beatriz López Castro, de Vigo; Miguel Rodríguez Mediavilla, de Pontevedra; Alejandro Moreno Barreiro, de Vigo; Silvia María Riveiro Lorenzo, de Pontevedra e, finalmente, para o australiano Ian Harrison.
Os Menús da Ría (ceas ou comidas nos restaurantes que participan no programa gastronómico da Concellería de Turismo) corresponderon a Isidro Caballería, Ana M. Ferreiro e Pablo González Silva, os tres de Pontevedra.
Finalmente, resultaron agraciados con senllos cheques de 50 euros para gastar no comercio local Erika Otero, de Pontevedra; Sonia Torres, de Pontevedra; Mila Seoane Yáñez, de Vilalba (Lugo) e Antón Casal Díaz, de Pontevedra.