O alcalde visita OQO e Kalandraka

45

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores en compañía dos concelleiros de Luís Bará e Anxos Riveiro, responsables do barrio e de Cultura, respectivamente, visitaron esta mañá as sedes das editoriais pontevedresas especializadas en literatura infantil situadas no barrio. Puideron comprobar en persoa os bos resultados e a internacionalización de ambolasdúas editoriais situándoas entre as máis punteiras do  Estado no seu eido.

OQO naceu en 2005 especializándose na literatura infantil e xuvenil.  Inicialmente, todo o seu traballo xirou en torno ao álbum ilustrado, pero deu un paso máis cara á producción de animación audiovisual, de feito na actualidade as súas produccións estanse a emitir na televisión pública galega no seu segundo canle, e tamén na televisión pública de Arxentina e Finlandia.

OQO emprega a dez persoas e aposta pola producción propia, tanto no eido editorial como audiovisual. Os seus libros están presentes en España, Portugal, Francia,
Bélxica, Suíza, Italia, Polonia, Brasil, Hispanoamérica, Estados Unidos e Canadá. Ademais, a través de acordos con editores doutros países as historias de OQO chegaron a Turquía, O Xapón, Corea e China.

Entre os seus últimos recoñecementos internacionais están:

• Zimbo, seleccionado nos White Ravens 2012 entre os mellores libros infantís do mundo.
• Mellor iniciativa editorial de 2011 as súas seires de animación audiovisual: ‘Caracois’ e ‘Os contos do camiño’.
• Premio Especial do Xurado no festival Brasil Stop Motion 2011 para seis curtametraxes de OQO filmes.
• Cazador e a balea, finalista do Premio Euskadi de Ilustración 2011.
• Caixa de cartón (na súa edición en español), considerado un dos mellores libros para nenos publicado en Hispanoamérica en 2011.

Pola súa banda, a editorial Kalandraka iniciou a súa traxectoria editorial en 1998. Iniciou o seu traballo polo álbum infantil ilustrado con adaptacións de contos tradicionais e a recuperación dos clásicos da literatura infantil de todos os tempos, e publicación de obras de nova creación para promocionar o traballo da canteira de autores e ilustradores emerxentes. Nacían os Libros para Soñar.

Entre os seus últimos recoñecementos están:

• “Dióxenes” (3º Premio Nacional de Edición Infantil-Xuvenil 2010)
• “Miguel Hernández: 25 poemas ilustrados” (3º Premio Nacional de Edición en Arte 2010).

Outra faceta destacada é a proxección internacional de Kalandraka, a través da tradución de libros a outras linguas (inglés, francés, alemán, coreano, xaponés, chinés), a participación nas feiras máis destacadas do sector (Boloña, Frankfurt, Nova York, Bos Aires, Guadalajara-México), e a implantación de Kalandraka en Portugal, Italia, México e Brasil. Co tempo, Kalandraka consolidou o seu carácter plurilingüe: edítanse libros en galego, castelán, catalán (en co-edición con Hipòtesi), eúscaro (en co-edición con Pamiela), portugués, italiano e inglés.

As visitas a OQO e Kalandraka están enmarcadas dentro do proxecto Monte Porreiro ConVida que pretende entre outros obxectivos reforzar a identidade colectiva do barrio e o sentimento de pertenza por parte dos veciños; promover o orgullo e a autoestima dos residentes arredor dos elementos singulares do barrio, da historia e dos proxectos de futuro; ou actuar como factor de mobilizador de recursos e de dinamización social.