Os aparelladores aplauden a aprobación das ordenanzas de Inspección de Edificios e Simplificación Administrativa

63

As ordenanzas de Inspección Técnica de Edificios (ITE) e de Simplificación Administrativa na tramitación de determinadas licenzas de actividades comercial e de obra menor teñen o pleno apoio do Colexio Provincial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos. O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, recibiu hoxe ao seu presidente, Antonio Álvarez Osorio, e ao seu secretario, Pelayo Eyo Valladares.
A experiencia de Vigo, que leva xa oito anos coa ordenanza de ITE aprobada, estivo sobre a mesa. Antón Louro destacou que a súa intención ao impulsar esta norma é fomentar a seguridade e previr accidentes que, en ocasións graves, poden supor danos graves para as persoas. Os aparelladores consideran as inspeccións son unha medida necesaria, ao trasladar aos propietarios dos inmobles a responsabilidade sobre a súa conservación.
O tenente de alcalde destacou que, afortunadamente, a cultura do mantemento está moi arraigada nas comunidades de veciños. Así o demostra, engadiu, o interese percibido durante as últimas semanas para a promulgación do bando de Ornato.
Os aparelladores destacaron que a experiencia doutras cidades demostra que os resultados das inspeccións van mellorando conforme pasa o tempo. Ao principio hai unha maior porcentaxe de desfavorables. Por outra banda, as ITE proporcionan unha valiosa información sobre o estado do parque edificatorio que, doutro xeito, sería imposible de acadar.
As cubertas, fachadas e medianeiras son os elementos máis sensibles e que reciben maior atención, dado que sofren directamente os efectos da humidade, que é a causa de deterioro máis significativa en Galicia.
Ambas partes coincidiron no acerto de ter impulsado a ordenanza de Simplificación Administrativa, unha ferramenta que axiliza ao máximo a concesión das licenzas e obriga aos solicitantes a dispor de toda a documentación técnica e administrativa necesaria para unha comprobación municipal “a posteriori”.
A crise económica, concluíu Louro, aconsella dar as máximas facilidades aos emprendedores. Nun contexto así, engadiu, as Administracións non poden ser un obstáculo, senón unha axuda.
Finalmente, os representantes do colexio ofrecéronse para achegar conceptos e todo tipo de asesoramento para mellorar a redacción final de ambas ordenanzas.