O Concello defende o padroado do Museo de Pontevedra

35

O Concello de Pontevedra convocou para mañá unha comisión extraordinaria de Cultura para debatir unha proposta da Alcaldía dirixida á Deputación provincial solicitándolle a conservación do Patronato do Museo provincial de Pontevedra.


PROPOSTA DA ALCALDÍA RELATIVA AO FUTURO DO MUSEO DE PONTEVEDRA

Diante da  decisión da Deputación Provincial de Pontevedra de rebaixar de categoría e suprimir a autonomía ao Museo provincial de Pontevedra mediante a disolución deste coma organismo Autónomo Local e a derrogación do seus estatutos.

Esta Alcaldía propón á Comisión Permanente de Cultura, Festas e Política social a adopción dos seguintes acordos:

1. O Concello de Pontevedra na súa dobre condición de patrono do Museo e de Sede desta prestixiosa institución cultural manifesta o seu posicionamento máis enérxico en contra de tal decisión.
2. Dirixirse á Deputación solicitando a anulación desa proposta e a permanencia do actual status xurídico funcional do Museo de Pontevedra.
3. Manifestar á Deputación a dispoñibilidade do Concello de Pontevedra, como patrono desta institución, a sufragar os hipotéticos sobrecustes que puidese xerar o mantemento do organismo autónomo.
 

Esta proposta vai precedida dunha carta aberta do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores ao presidente da Deputación, Rafael Louzán en relación ao futuro do Museo. A carta reza da seguinte maneira:

 

Estimado amigo:

Diríximo a ti como presidente da Deputación de Pontevedra pero, sobre todo, como persoa da que me consta a súa implicación e sensibilidade con ideas, proxectos e institucións relacionadas con Pontevedra.

Tivemos a ocasión de colaborar e traballar xuntos cunha relación privilexiada e unha implicación persoal que, moitas veces, foi moito máis alá da correcta relación institucional, en asuntos importantes algúns coñecidos publicamente e outros menos, entre os que se atopan a Uned, o Pontevedra C.F. e outras entidades deportivas, a Bienal, o concurso de Bandas, feira do pan, a ponte e estrada a Monte Porreiro a Médico Ballina, Pasarón, a impulsión do paseo marítimo até Marín…

En base a esta traxectoria, non exenta de pequenos e lexítimos desencontros, pero tan positiva para os veciños e institucións de Pontevedra, permíteme que me tome a confianza de dirixirme a ti publicamente, en privado xa o fixen, en relación ao futuro do Museo de Pontevedra e a supresión do seu Padroado. Estou convencido que esta decisión que pretendes aprobar no Pleno do vindeiro venres, 29 de xuño, non se corresponde coa túa traxectoria coas institucións de Pontevedra, máis ben todo o contrario, rompe de xeito abrupto coa sensibilidade e cos feitos que tes mostrado até agora.

Só dende as perspectivas de quen non coñece o arraigo do Museo en Pontevedra ou de quen quere eliminar unha gloriosa traxectoria con participación tan senlleiras como Castelao, Sánchez Cantón, Filgueira Valverde, entre outras, se pode entender unha decisión tan estrana e desafortunada que conleva unha grave degradación, perda de categoría e de autonómia do Museo.

Sabes que fun membro do Padroado do Museo de Pontevedra e colaborei lealmente co bo funcionamento do Museo, e tamén sei, estou convencido- de que esta decisión contraria ao Museo de Pontevedra non é iniciativa túa, de Rafael Louzán.

Só podo explicarme tal decisión dende o asesoramento e presión de quen non lle quere ao Museo, que non é o teu caso, ou dende a aplicación mecánica de consignas políticas sen ter en conta que o Museo de Pontevedra non é  ningún "chiringo" administrativo; todo o contrario, é unha institución sólida, prestixiosa e de fonda raigame na cidade.

Para rematar, permíteme que che pida encarecidamente que teñas en conta o que significa o Museo de Pontevedra, e deixes sen efecto a proposta que tes enriba da mesa.

Agardo da túa sensibilidade e compromiso con Pontevedra en xeral, e co Museo de Pontevedra en particular, unha resposta positiva para o futuro do Museo.

Unha aperta.